Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinco mulleres nos 59 anos de historia das Letras Galegas

A desigualdade na efeméride é evidente e tan só literatas como Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias lograron ser homenaxeadas

Retrato da poeta Xela Arias realizado por Xulio Gil. XULIO GIL

Cada 17 de maio, dende 1963, conmemórase en Galicia o Día das Letras Galegas coincidindo coa efeméride da publicación de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro, en 1863. Foi precisamente o 17 de maio de 1963 cando as institucións acordaron oficializar a dita xornada e, como non podería ter sido doutra maneira, a poeta compostelá converteuse daquela na primeira literata en ser homenaxeada. Porén, terían que pasar nada máis e nada menos que 24 anos ata que outra muller fora escollida para reivindicar as Letras Galegas.

O vindeiro ano 2023 cumpriranse 60 anos dende que esta data foi sinalada no almanaque dos galegos e das galegas como símbolo da defensa do idioma a través da súa manifestación literaria, mais, botando unha ollada á listaxe de persoeiros que foron reivindicados e celebrados, a desigualdade na efeméride é evidente, posto que tan só cinco mulleres en 59 anos de historia foron quen de ser homenaxeadas: Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias.

É a Real Academia Galega (RAG) a institución encargada de seleccionar ao autor ou autora digno de seren conmemorado cada 17 de maio e para ser escollido teñen que cumprirse os seguintes requisitos: destacar pola súa creación literaria no idioma autóctono e ter finad,o como mínimo, hai unha década. Malia as dificultades e barreiras ás que sempre tiveron que enfrontarse as mulleres para acadar os seus dereitos, pero tamén para poder dedicarse a algo máis que asumir as tarefas do fogar, o certo é que en Galicia as mulleres si escribriron novelas, compuxeron poemas e imaxinaron ensaios e pezas teatrais. Estas foron as mulleres homenaxeadas até o de agora no Día das Letras Galegas, mais a sociedade agarda a que se recuperen as que continúan sendo invisibles.

Rosalía de Castro (1963)

É a gran mestra das letras galegas. A poeta e escritora, nada en Santiago de Compostela, é unha figura imprescindible na literatura galega e española do século XIX. A súa obra caracterizase por unha especial sensibilidade e capacidade de descrición da terra, sendo quen de devolverlle ao idioma galego o seu status de lingua culta, por iso está considerada como unha das nais do Rexurdimento, xa que con "Cantares Gallegos" é inaugurado esta corrente de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica, logo dun longo período de decadencia.

Retrato de Rosalía de Castro. Fundación Rosalía de Castro

Así mesmo, Rosalía de Castro foi unha muller moi adiantada na súa época, posto que ademais de dedicarse á escrita, foi unha férrea defensora dos dereitos e liberdades das mulleres. Así, o seu artigo "Lieders" pode considerarse hoxe en día como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia, e probablemente en España. Coa publicación do poemario "Follas Novas", en 1880 marcaría un xiro literario, e malia que orixinalmente foi escrita en castelán, especial mención merece a súa primeira novela, "La hija del mar".

Francisca Herrera Garrido (1987)

Tiveron que pasar 24 anos para que a Real Academia Galega volvera a homenaxear a unha muller, logo de Rosalía de Castro. Foi o 17 de maio de 1987, cando a institución acordou loar á autora da primeira novela en galego asinada por unha muller e pioneira en Nós e na RAG. Francisca Herrera Garrido naceu na Coruña en 1869 no seo dunha familia de clase media acomodada e con tan só 12 anos achegouse á obra de Rosalía de Castro, que a marcaría fondamente.

Francisca Herrera. FdV

O seu primeiro poemario, "Sorrisas e bágoas", apareceu en Madrid en 1913, cando tiña 44 anos, e tan só dous anos máis tarde chegaría o segundo: "Almas de muller… ¡Volallas n’a luz!", cun pequeno prólogo de Manuel Murguía, quen destacaba o feito de tratar o volume da vida afectiva das mulleres do campo galego. Foi en 1920 cando se publicou a que a crítica considera a súa grande obra, a novela "Néveda", a primeira asinada por unha muller en Galicia. Así mesmo, converteuse na primeira muller en participar na revista Nós.

En 1945, a Real Academia Galega escolleuna membro numeraria, converténdose así nunha pioneira ao ser a primeira muller en acceder a un cargo deste tipo, mais nunca chegaría a ler o seu discurso de ingreso, pois finou poucos meses despois de que este fora entregado na institución.

María Mariño (2007)

"Cánto novo hai xordo e xordo!/ Cánto vello que nos fala!/ Cántos hoxes por un onte!/ Cánto andar pra unha agarda!"

decoration

Novamente, habían pasar dúas décadas para que outra literata fora homenaxeada no Día das Letras Galegas. En 2007 foi a quenda de María Mariño, unha figura singular no mundo da literatura galega, pois 27 anos separan a publicación do seu primeiro libro "Palabra no Tempo" da edición de "Verba que comeza". Ao longo dese tempo, a sociedade creou un veo de misterio arredor da súa figura, que foi alimentado polo seu afastamento da escrita.

María Mariño. FdV

Segundo os críticos, a escrita de María Mariño "non obedece ás normas, a súa é unha poética crebada que tensa e racha a lingua" á procura da voz que exprese ese "raro e valiosísimo mundo escuro" que, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, constitúe a súa obra. No Courel coñece a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro e "Palabra no Tempo" edítase así no ano 1963 na colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. Posteriormente, en "Verba que comeza" recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos no último ano da súa vida, enferma xa de leucemia.

María Victoria Moreno (2018)

Mestra e escritora, naceu en Extremadura, máis aterrou no ano 1963 en Pontevedra, namorándose da beleza da cidade do Lérez. Alí, María Victoria Moreno foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, dende os anos 80 até a súa xubilación. Dende o principio, a escritora identificouse con Galicia e a súa cultura, por iso, unha vez aquí, adquiriu o compromiso de escribir só lingua galega.

María Victoria Moreno Márquez. Imaxe cedida por Galaxia.

Amante dos libros e defensora da literatura infantil e xuvenil, María Victoria Moreno foi unha autora prolífica neste eido. Así, entre outros, publicou obras como "Mar adiante", "A festa no faiado", "Leonardo e os fontaeiros" (Terceiro Premio O Barco de Vapor), "Anagnórise", "O cataventos", "Verso e prosa", "Un cachiño de bica?", "E haberá tirón de orellas?", " A brétema", "Guedellas de seda e liño" ou "Eu conto, ti cantas".

Xela Arias (2021)

"Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados". O ano pasado a figura da poeta Xela Arias foi máis que celebrada no Día das Letras Galegas. Nada en Lugo no ano 1962, a súa traxectoria non se entende sen estar vencellada ao devir cultural galego dos anos 80 e 90, como poeta, tradutora, activista e profesional no eido da edición literaria.

Pioneira nos labores de tradución ao galego, Arias publicou o seu primeiro poemario no ano 1986. Así, en "Denuncia do equilibrio" revelouse unha voz singular, posto que se afastaba das tendencias poéticas do momento. Máis foi en 1990 cando sorprendeu aínda máis coa súa creatividade a través da publicación do seu segundo libro de poemas, "Tigres coma cabalos".

Xela Arias, á dereita, na editorial Xerais, onde desenvolveu gran parte da súa traxectoria profesional. Chus Pato| EDICIÓNS XERÁIS

A raíz do nacemento do seu fillo Darío en 1994, coa publicación de "Darío a diario", Xela Arias achegou á sociedade do momento un novo xeito de entender a maternidade, moi adiantado e moito máis libre. A súa morte en 2003, a causa dun infarto, conmocionou ao mundo das letras e ao sector cultural, pois Galicia perdía unha voz poética única en plena actividade creativa.

Compartir el artículo

stats