Hoxe chega á grella da TVG o programa de actualidade "Malicia noticias", un espazo útil e necesario para os espectadores que queren saber o que pasou no día, pero que non tiveron tempo de informarse. Con todo, as cousas non sempre son como parece que foron. "Malicia Noticias" será a proba de que hai moitas maneiras de contar un mesmo feito. Neste espazo, que se emitirá de domingo a mércores ás 22.00 horas, os televidentes poderán coñecer a actualidade diaria, os eventos e o panorama televisivo desde unha perspectiva humorística, dándolle unha volta, en clave desenfadada, ao acontecido durante a xornada.

Desta forma, o equipo do programa, comandado por Arturo Fernández, e formado tamén por Noelia Rey, Pepe Capelán, Lucía Veiga e Brais Doval, amosará e analizará, entre outras cousas, o que se fala na rúa, o que lles interesa aos galegos, o deporte, as festas, a gastronomía e o rural desde varios puntos de vista, centrándose no eido máis social e divertido.

"Malicia noticias" pode ser un noticiario de humor, unha comedia informativa e ata o espazo de análise da actualidade que todo o mundo estaba esperando. Para saber realmente que é, non hai máis que poñer a TVG esta noite, ás dez.