A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! vén de participar en Lisboa na II Reunión de ONG Ibéricas acreditadas pola UNESCO. O evento tratou a relación das asociacións coas entidades gubernamentais na área do patrimonio cultural inmaterial e as comisións estatais da UNESCO.

Os colectivos participantes acordaron afondar na coordinación e intercambio de actividades e experiencias relacionadas co patrimonio. Especialmente, debateron sobre as prioridades a curto prazo ao fío da próxima reunión do Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que terá lugar en Bogotá (Colombia), durante o próximo mes de decembro. Hai que lembrar que nesa reunión vaise examinar un conxunto de directrices sobre a mellor maneira de salvagardar o patrimonio vivo en situacións de emerxencia e sobre como mellorar a participación das ONG na aplicación da Convención.

Ademais de Ponte...nas Ondas!, a única das entidades participantes que ten carácter transnacional e desenvolve o seu traballo en dous países, están involucradas neste foro entidades como o Centro em Rede de Investigac?ao em Antropologia (CRIA), a Fundaçao INATEL e a Memo?ria Imaterial Cooperativa Cultural, en Portugal.

Entrega de premios

O Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acollerá mañán o acto de entrega de premios do 2º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Será nun evento que comezará ás 11:30 horas e incluirá a actuación de Cé Orquestra Pantasma.

O obxectivo prioritario da convocatoria era axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da memoria colectiva.

Resultaron premiadas escolas de Vigo, Lugo, Nigrán, Baiona, Mos, Gondomar, Salceda de Caselas e Moeche. Entre os temas que recollen algunhas das fotografías premiadas: unha voda nos anos 50; a desaparecida profesión dos tranviarios ou familias gozando da festa da empanada.