A Televisión de Galicia ofrecerá en directo a partir das 19.00 horas a cabalgata de Reis desde Vigo, onde a canle pública instalará un set na rúa Policarpo Sanz, preto da Porta do Sol. Ademais, entre as carrozas do evento estará un vehículo da tvG2, en que desfilarán os personaxes de "Os Bolechas" e o Xabarín.

María Solar, presentadora do programa "A Revista", será a encargada de narrar para a TVG a cabalgata, nun programa dirixido por Antonio Díaz Ageitos que rematará arredor das 21.00 horas. Pola súa parte, o reporteiro Alberto Mancebo recollerá desde Vigo os testemuños dos asistentes ao evento, con entrevistas a pé de rúa.

A Televisión de Galicia tamén fará conexións en directo coas cabalgatas da Coruña, onde estará a xornalista Iria Soengas; Santiago de Compostela, a onde se desprazará Belén Baños; Lugo, co reporteiro Antón López, e Ourense, onde estará Demetrio Morenza.

Ademais, a canle pública tamén cubrirá con reportaxes o que aconteza na xornada de Reis noutras cidades galegas, como Pontevedra e Ferrol. A Revista tamén estará en directo no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña, por onde pasarán as súas maxestades para repartir agasallos a rapaces e rapazas hospitalizados, que non poderán abrilos na súa casa. Ademais, os reporteiros do programa irán á cidade de Ourense para coñecer os preparativos para a cabalgata de Reis.

O programa na Coruña tamén entrevistará aos membros do grupo de rock indie de Sada The Trunks. Nuky García, Rob Toretto e Rodrigo Valiente, guitarrista, batería e voz da banda, respectivamente, falarán sobre os seus plans este ano. No estudio tamén estará o colaborador habitual Moncho Lemos, que informará das próximas estreas cinematográficas.

Especial de Juan Pardo

Por outra banda, a TVG emite esta noite un programa especial dedicado a Juan Pardo, emblemático cantante, produtor e autor de ducias de cancións que o converteron nun dos artistas galegos de máis éxito. A súa filla Lys Pardo, os Black Stones, a orquestra Poceiro, o coro Corda, Alberto Cunha, Noelia Rodríguez, Cristian Álvarez, Tania Veiras e Marcos Roca renderanlle unha homenaxe aos seus corenta anos de éxitos, superando o reto de cantar o mellor do repertorio de Juan Pardo.

Desde que comezou a tocar a guitarra en Ferrol sendo un rapaz, buscou o seu camiño na música en diferentes agrupacións, coma os Vándalos, os Pekenikes, Los Brincos ou o dúo Juan e Junior. Co tempo, pasou a ser só Juan Pardo, na súa esencia. Malia a ser pouco amigo de falar, o cantante fixo amizado con moitos compañeiros ao longo do camiño que hoxe falarán da grandeza persoal deste artista inimitable. A súa filla contará como vive el na actualidade, afastado dos escenarios e as razóns polas que seu pai decidiu deixar de actuar.