Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Las conferencias de Club FARO

Rivas: "Hai un fetichismo das tecnoloxías, pero non poden suplir ao pensamento"

O autor novela en "O último día de Terranova" a resistencia cultural: "A crise das librerías é un síntoma, son o lugar da memoria e dos logros de todo o pensamento da Humanidade

O escritor Manuel Rivas foi presentado polo pintor Antón Patiño (dereita). // Ricardo Grobas

O escritor Manuel Rivas foi presentado polo pintor Antón Patiño (dereita). // Ricardo Grobas

"Hai que saber pensar e sentir ao mesmo tempo; hoxe hai un fetichismo das ferramentas tecnolóxicas, pero non poden ser o centro, ninsubstituír ao pensamento", defendeu onte o escritor e xornalista Manuel Rivas no Club FARO. E como símil, recorreu ao clásico de Saint-Exupéry "O principiño" que nunha pasaxe atopa a un home que se adica so a contar millóns de estrelas e cando se lle pregunta que fai con elas, resposta: "Nada. Posuílas". O literato foi presentado polo pintor Antón Patiño, que destacou "a coherencia e fidelidade á memoria" do último traballo de ficción de Manuel Rivas, "O último de Terranova", que relacionou a un tempo coa novela de ecos biográficos "As voces baixas" -que presentara en Vigo xustamente hai tres anos- e, sobre todo, coa premiada "Os libros arden mal" e que reflicte un espírito de librepensamento semellante ao vivido na libraría Librouro do seu pai Antón Patiño na posguerra. "O libro está cheo de sons e de recendos; Manolo [por Rivas] caza os relatos invisibles no aire", asegurou Patiño na súa análise.

A librería Terranova está en "liquidación final de existencias por peche inminente". Rivas, arrinca "O último día de Terranova" -publicada por Xerais en galego e Alfaguara en castelán- con esa ameaza de desafiuzamento e desenvolve no texto unha defensa das librerías; unha homenaxe ao oficio e os lugares. Onte falou da novela como unha historia que "loita moito contra a arañeira da realidade". "A historia está no noso presente; é o presente recordado", asegurou, "a memoria non é un trasto vello".

Coa lectura dese angustioso primeiro capítulo Rivas nutriu a súa intervención. Leu a prosa cun tempo rápido. Por un intre coma se lle faltase o aire, coma se a polio que sofre o seu protagonista, Vicenzo Fontana lle paralizase os pulmóns, ou por mor da pena por colgar o cartel que rezaba "Liquidación". A enfermidade tamén representa as caras ocultas dos totalitarismos. Vicenzo foi vítima dun dos crónicos episodios de poliomielite, que o Goberno español minimizou, e tivo que tratarse nun 'pulmón de aceiro'.

Coma se dunha operación de pelar a cebola se tratara, capa tras capa, a prosa de Manuel Rivas atravesa contrapuntos temporais e multitude de historias entrelazadas na alma da librería Terranova. "É un santuario da liberdade, a arte e a cultura; un escenario de amores e resistencia, un refuxio de náufragos da vida, un santuario de animais, un lugar de memoria e emoción, un lugar de 'contrabandistas de libros' e refuxio de indixentes...", exaltou. É, á vez, todas as librerías. A última e imprescindible trincheira desde a que resistir á intolerancia, á censura ou a violencia, xa sexa política ou económica.

"A crise das librerías é un síntoma doutras cousas: é o lugar da memoria, dos logros do pensamento de toda a Humanidade", indicou. "Son espazos nos que a morte desaparece, porque estamos a falar con Mark Twain, ao tempo que descubrimos novas amizades e abrimos a felicidade nun libro", proseguiu.

O escritor conta a conmovedora historia do local, situado en Galicia, que condensa, como un botón de mostra, o destino incerto de moitas das que existen na actualidade. Nun intre vendo a uns furtivos, o protagonista decide darlle unha volta.

Manuel Rivas relata a historia dun negio que fundaron en 1947 Amaro Fontana, galeguista e profesor de linguas clásicas e membro do Seminario de Estudos Galegos e Comba, que fora unha nena apaixonada polos libros, xusto un ano despois da morte por tuberculose do seu avó Antón. El financiara o verdadeiro soño da nena que quería ter unha librería, aforrando cada peseta conseguida como mariñeiro no xélido mar do Norte. "A libraría chámase Terranova polo vínculo coa epopea do mar de Galicia. Aquel mariñeiro galego Antón Ponte saía nos anos 30 nun bou vasco, ao caladoiro máis prezado do fígado de bacallau", comentou. "Foi unha persoa que non puido lograr os seus soños e que quixo que os demais os alcanzaran", indicou.

E referiuse tamén aos contrapuntos da novela, que se sitúa tamén en Bos Aires e que personalizou no andar de Garúa, outra das protagonistas, ao modo de 'Charlot': "É como pisar nun lugar e no contrario; tamén cando escribes tocas na vida e máis na morte, no pasado e no presente. E tamén o andar da literatura e o meu xeito de escribir é un andar de vagabundo, que fai que a historia levede, coa imaxinación".

Nunha charla ateigada de lembranzas persoais, tamén da súa nai -unha gran recitadora de Rosalía de Castro- e salpicada de retranca, Manuel Rivas atendeu preguntas do público. "A composición do bosque da diversidade que é un libro, non a haberá no libro electrónico", sostivo mentres recordaba a librería La Poesía da súa Coruña natal.

Compartir el artículo

stats