Manuel Rivas quixo lembrar ao tomar a palabra ao recén finado escritor Xosé Fernández Ferreiro, un dos fundadores do grupo Brais Pinto, "que era un afiador rebelde, que ía guindando faíscas e luceiros".

Logo, entre o público, xurdiron novas constatacións de locais de papelería, librería e xoguetería pechados nos últimos anos -como tamén dos emblemáticos de Madrid falara previamente Antón Patiño-. Para os libreiros tamén tivo lembranzas Rivas. Se se perderan as librerías, extraviaríase ese factor humano, a mediación co libro. "Aprendín moito facendo o libro, que é unha viaxe para fóra e logo para dentro; é unha loita contra a ignorancia e a estupidez", confesou. Tamén revelou a súa visión da literatura. "O marabilloso é que a literatura non pode ser subalterna, non pode ser serva, como dixo Cervantes 'no meu saio non manda ninguén' ".

Outra novela de Rivas, "Os libros arden mal", recreaba a epopea da morte e supervivencia da letra impresa en tempos bélicos. De feito, Rivas remarcou a súa aposta por unha linguaxe poética neste novo traballo que, en certo sentido, supón unha continuación desa outro de título ignífugo. "A poesía é o último faro e toda literatura é poética ou non é. Os meus libros son un rebrote, aínda que cunha voz diferente", indicou o autor nuha ocasión. Onte, contestou sucintamente sobre canto ten que ver este novo traballo con aquel previo, aínda que recoñeceu o inevitable influxo.

En "O último de Terranova", podería avistarse, por tanto, a advertencia de que tamén o libro pode morrer na guerra da incultura. Quizais, sexa o último pergameo do caladoiro da historia cultural.