A nova colección trilingüe –en galego, inglés e español– con libros-disco para o público infantil que oferta FARO DE VIGO prosegue hoxe cunha nova entrega baixo o título de Iria e a torre de Breogán.

Nesta aventura, Iria consegue convencer ós seus amigos para acudir ó Festival de Música Celta de Ortigueira que serve de leitmotiv para rememorar lendas populares. Para disfrutar delas, os lectores de FARO só teñen que adquirir o xemplar do xornal mañá domingo e pagar 1,95 euros.

María Ferreiro, unha das autoras das historias que facilita o diario da prensa estatal, explica a causa pola que elixiu o certame de música como punto de partida do libro que se entrega mañá. "Cada ano, o Festival de Música Celta de Ortigueira convoca a milleiros de persoas. O excepcional é que os músicos proceden non só de Galicia senón doutros países e rexións de Europa como Escocia, Irlanda e Bretaña"•

Dado que "as nosas culturas atesouran un pasado común que descoñecemos", en "Iria e a torre de Breogán" recupérase a lenda de Ith, o fillo de Breogán –caudillo dos celtas e pai do imaxinario da patria galega– co gallo de "narra-la aventura dos nosos antergos á conquista de novas terras alén do océano. Precisamente, os irlandeses contan na súa mitoloxía co deus Ith", lembra Ferreiro.

Tradicións

Esta lenda é a que recorda Iria ós seus amigos aproveitando que a gaita soa no festival con "sons profundos (...) como se fosen fíos invisibles que nos vencellan a outros pobos", explica Ferreira.

Para ela –quen escribe esta colección xunto a Charo Latorre con ilustracións de Tomás Latorre– Iria e a Torre de Breogán é "un conto dramático e entrañable á vez que pretende explicar dun modo sinxelo ós novos lectores o porqué das nosas tradicións e de onde proceden algúns aspectos da nosa cultura".

A maneira escollida para ofrecer estas historias é a travésde imaxes e son, para que sexa máis ameno; xa que poden ser lidas ou escoitadas en galego, inglés e castelán. Na versión audio, adxúntase tamén unha banda sonora.

Sinala Ferreiro que "se cadra o sangue celta que corre polas nosas veas, como a que Ith derramou, é o lazo invisible que nos moveu a explicar esta vella lenda para entende-las emocións que esperta en millóns de persoas en todo o mundo o son da gaita".

Iria e a torre de Breogán é a segunda entrega dunha colección que comezou a pasada semana coa historia de Xiana e a coca de Redondela e que proseguirá nas vindeiras entregas con outros personaxes.

Títulos pendentes

Para o día 18 de decembro, FARO ofrecerá Antía e a meiga Aldonza. Na seguinte semana, tocaralle o turno a Lola e a raíña Lupa (para o día 8 de xaneiro xusto despois dos Reis).

Na recta final da colección, o diario da prensa española facilitará a posibilidade de adquirir, co exemplar do domingo 15 de xaneiro, Lara e Hércules en Fisterra; así como Uxía na cova do rei Cintolo (no día 22 do vindeiro mes de xaneiro), última entrega de historietas de FARO DE VIGO.