O historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG) ata o pasado mes de xaneiro, é o galardoado co Premio Trasalba 2010, que concede anualmente a Fundación Otero Pedrayo como recoñecemento á aportación de distintas figuras á cultura galega. O premio, que ten carácter honorífico, entregarase na festa literaria que se celebra cada ano na casa grande de Cimadevila, en Trasalba (Ourense), no derradeiro domingo do próximo mes de xuño.

Segundo a Fundación, a valoración que fan da figura de Xosé Ramón Barrero está relacionada coa súa traxectoria ao servizo da cultura galega, na liña histórica que representa a memoria de Otero Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da historiografía galega.

Traxectoria

Xosé Ramón Barreiro Fernández naceu en Riveira (A Coruña) en 1936, e na actualidade representa unha das figuras máis sobranceiras da historiografía galega contemporánea. A súa labor sempre estivo ligada á cultura de Galicia. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na USC, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade de Xeografía e Historia e vicerreitor.

Dende 2001 ata o 23 de xaneiro de 2010, Barreiro foi presidente da Real Academia Galega (RAG), substituindo a Francisco Fernández del Riego, co que colaborou moi estreitamente na renovación da institución.

As achegas literarias de Xosé Ramón Barreiro abarcan diversos campos como o xurídico, o histórico e de investigación, eido no que os seus traballos se centran na historia contemporánea de Galicia. Dentro da súa actividade como investigador, merece unha mención especial a súa atención a Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG e figura sinalada no Rexurdimento galego do século XIX. Na actualidade, Barreiro prepara unha importante biografía sobre o escritor que se publicará durante este ano.

O Premio Trasalba, que acaba de recibir Barreiro, entrégase dende o ano 1983 con carácter honorífico e recompensa a labor cultural e galeguista de distintas figuras vivas ou falecidas recentemente. O pasado ano, a Fundación Otero Pedrayo otorgoulle o Premio Trasalba ao político e catedrático Xosé Manuel Beiras como recoñecemento a "toda unha vida dedicada ao galeguismo".

Outras figuras que recibiron este premio foron o actual presidente da RAG e colaborador do FARO, Xosé Luís Méndez Ferrín, no ano 2001, Xosé Neira Vilas no 2004 ou o grupo de folk Milladoiro no 2006.