Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emigrantes e viaxeiros do Morrazo (II)

A figura máis sobranceira e paradigma da emigración austral foi o cangués Félix Soage

Na mesma época que o o frade moañés don Andrés del Campo, debeu marchar cara Bogotá, Lorenzo Paredes, tamén de Moaña quen ao morrer en 1763 deixaría 3.000 pesos cos que se fixeron varias obras na igrexa de San Martiño, entre elas o cruceiro e presbiterio da mesma. Cara aos anos finais deste século, localizamos a Jacinto de Aldao y Sánchez de Pazos en Bos Aires, ao misioneiro franciscano Lorenzo del Rio (de Cela) en Guatemala, ao militar Juan Benito Aguiar en Montevideo e aos comerciantes Antonio Benito Fragueiro e Juan del Signo en Córdoba (Arxentina), os tres últimos de Marín. Ao comezaren as guerras de emancipación das colonias españolas, o fluxo americano reduciríase, preferindo algúns a illa de Cuba como destino, ainda que a maioría seguían optando pola zona de Cádiz e portos próximos onde ao principio facían estadías dun promedio de tres anos.

Superada a crise pesqueira de finais do XVIII pola oposición dalgúns portos, entre eles Cangas, ao uso da xábega, arte que consideraban esquilmativa, sucederíase outra máis grave como consecuencia da Guerra da Independencia. Unha nova crise pesqueira e sobre todo a suba do prezo do sal, levaría ao peche de moitas fábricas de salga, dedicándose os fomentadores a subsistir mediante a adquisición de terras e foros. Entón sobreviría unha nova xeira emigratoria debido ás débedas, a fame e a miseria, ao quedaren os mariñeiros sen traballo e o que é máis grave, sen barcos nen aparellos para pescar. A pesar de todo, a emigración no Morrazo non vai ser alta, alcanzando só entre o 1,25/1,85 % da poboación, maioritariamente casados (74%) e solteiros (26%) e entre as idades de 20 e 48 anos. Entre 1748 e 1790 os emigrantes a América van superar xa aos que ían a Castela pero van ser menos que os que o fan a Andalucía. Aquí, desde comezos do XIX van sustituir aos xenoveses na "arte" de fritir o peixe ainda que a maioría, se non estaban na pesca, exercian de mozos de corda ou augadores e as mulleres de criadas e lavandeiras. Aqueles mozos distinguiríanse durante o sitio de Cádiz (1810 - 1812) ao constituiren o Corpo de Voluntarios Galegos Artilleiros, combatendo no lugar máis batido da cidade.

A emigración á Arxentina

Mentres os cataláns se habían refuxiar no comercio ou mudar de negocio, os mariñeiros e agricultores do Hío veríanse abocados á emigración: Xa no mesmo ano de 1850 se constata a marcha de moitos xóvenes da zona cara Cuba primeiro e a Arxentina despois, sendo case o dobre de custosa a pasaxe a este último destino. A financiación da pasaxe e subsistencia inicial no novo país, suplíase co empréstimo directo solicitado a industriais, terratenentes e persoas podentes, vendendo ou deixando en fianza terras e bens baixo a condición de poder recobralas algún día cando de ir ben as cousas se puidese amortecer o emprestado. Nen que dicir tén que os empréstimos rozaban a usura e non todos poderían cumprir co acordado, perdendo no seu empeño non só as terras petruciais senón tamén a saúde e a vida.

A figura máis sobranceira e paradigma da emigración austral destas datas, sería Felix Soage do que todos que todos coñecemos o seu labor filantrópico, custeando o edificio do Mercado Municipal, doacións para a excolexiata e outras obras públicas que Cangas lle agradeceu erixíndolle a estatua e dándolle nome aos xardíns. Sobre esta figura chama a atención que, ao contrario que outros emigrantes de fortuna, nunca retornase á sua vila natal e que o seu labor filantrópico fose destinado a unha praza de abastos e non a un centro de ensino ou benéfico como foi o caso de Eusebio da Guarda, García Barbón, a Sociedade pro Val MIñor, etc. que xunto con outros mecenas e sociedades galego-americanas chegaron a levantar 61 escolas en Galicia. A única iniciativa semellante á de Soage que atopamos na provincia foi a de Juan Fuentes Echeverría, emigrante de Caldas de Reis, que lle donaría á sua vila natal tamén un mercado de abastos. Este potentado galego é moi recoñecido en Rosario polo gran edificio que construiu alí e en toda Arxentina polo alcume de o "rei do millo", produto co que se enriqueceu. Porén, no que si coincide Soage con outros emigrantes é nas doacións á igrexa a modo de arranxos, ampliacións, órganos, reloxos, obxectos para o culto... Mesmo cando familiares seus visitan Cangas en agosto, cinco meses após o seu falemento, fan ainda donación dun motor eléctrico para accionar o órgano doado polo prócer á parroquial canguesa.

Félix Soage foi daqueles emigrantes pioneiros que chegaron á Arxentina cando se estaba a eestender desde o Plata e que pola sua orixe agraria miraría como mellor opción a adquisición de grandes extensións de terra que o goberno lles facilitaba aos colonos. A cría de gando vacún, cabalar e ovino era estimulada desde o exército para proverse de cereais, carne, leite, la e coiro que este precisaba na sua expansión territorial, reportándolle grandes beneficios aos propietarios que pronto construíron grandes mansións e investiron noutros negocios na capital.

Financia unha escola

Contodo, non nos cabe dúbida que na sua mente estaba tamén a sua actuación no campo do ensino e a beneficencia que si exerceu na Arxentina ao igual que o seu irmán, Benigno García Soage, residente en Cangas, que xa tiña actuado de mediador nestes campos, financiando unha escola entre 1904 e 1927. Asemade, poderiamos xustificar tamén esta intención pedagóxica no prócer, pois sete anos despois, entre maio e xuño do 1931, cando visita Cangas Saturnino García Soage, médico e capitalista en Bos Aires, este mostraría o seu interese por problemas del pueblo, abordando algunos que es necesario resolver como la enseñanza y sanidad. Os representantes do Concello foron convidados a champán por don Saturnino e estes regaláronlle unha reprodución en miniatura da estatua do filántropo e tomáronlle a palabra ao potentado do que non se volveu a saber máis nin dos seus ofrecementos.

Rematado o periodo de crise e grazas aos primeiros cartos procedentes de América, os mariñeiros da zona poderían ir refacendo a súa economía e mercaren novos barcos e aparellos. Porén, non todos os fomentadores cataláns habían retornar á zona coa mesma forza de antes, optando por establecérense xa máis perto de Cangas ou Bueu onde as flotas pesqueiras eran máis numerosas. A pesar disto, as xentes de mar do Hío poderían seguir mantendo a súa economía familiar coas vendas do peixe ás novas conserveiras e ás salazoeiras ainda existentes.

A crise agraria

Outra das causas fundamentais da maior emigración no Hío proviría, xa cara o 1882, da crise agraria xeral, produto da pervivencia de estructuras precapitalistas, do réxime de foros e do minifundismo no agro. A desmembración dos señoríos vai conlevar tamén un abandono das terras e como consecuencia a perda de traballo de moitos que andaban a xornal. Este desequilibrio estrutural vai estar en relación coa crise económica que devén e a perda do mercado inglés. No caso concreto do Hío, isto vaille afectar, preferentemente, á cabana de gando vacún existente cuxos propietarios xa se agrupaban en duas sociedades de socorros mutuos desde finais do século XIX. Estas datas tamén van coincidir co maior incremento migratorio de Pontevedra que vai superar en número ás demáis provincias galegas.

(*) Historiador e mestre de Cangas

Compartir el artículo

stats