O verán de 1942, o enxeñeiro xefe da 3ª brigada topográfica da provincia de Pontevedra dependente do Instituto Geográfico y Catastral convocou as comisións dos concellos de Cerdedo e Forcarei co obxectivo de recoñecer o itinerario da liña de deslinde e sinalar os mollóns comúns aos respectivos termos municipais.

Segundo consta na acta da operación, ambas as dúas comisións debían reunirse ás 9 da mañá do xoves 13 de agosto de 1942 no sitio denominado Areal Pequeno (no monte do Seixo), punto de converxencia das estremas parroquiais de Cerdedo (Cerdedo), Caroi (Cotobade) e Sta. Mariña de Presqueiras (Forcarei). Xaora, para este particular tamén foi citada a comisión de Cotobade.

A acta principia do seguinte xeito: Reunidos el día trece de agosto de mil novecientos cuarenta y dos en el sitio denominado Areal Pequeno, los señores que con sus respectivos cargos y representación abajo se expresan [...], para dar cumplimiento a lo que dispone la ley, para la publicación del Mapa, de treinta de Septiembre de mil ochocientos setenta y la de veintitrés de Marzo de mil novecientos seis, sobre formación del Catastro parcelario de España... O xefe de brigada nomeou a Rafael Castellano Gallego, "topógrafo axudante principal de Xeografía", para que levase a cabo o traballo e actuase na súa representación. O topógrafo valeuse dunha búsola Breithaupt e, cousa boa, non fixo por castelanizar a nosa microtoponimia.

Consonte a devandita acta: Concurrieron al acto en representación del Ayuntamiento de Cerdedo los señores cuyos nombres y cargos se detallan a continuación: D. Luis Toimil Ferrer, alcalde; D. Secundino Bugallo Sieiro, secretario; D. Manuel Gutiérrez Torres, teniente alcalde; D. Antonio Brandón Monteagudo, teniente alcalde; D. Manuel Camba Peleteiro, concejal y D. Arturo Viéitez González, práctico.

En representación de los Ayuntamientos de Cotobad [Cotobade] y de Forcarey [Forcarei] no concurrió comisión alguna, a pesar de haber sido citados oportunamente [...], por lo cual, después de transcurrida una hora, se procedió al reconocimiento del primer mojón por la comisión presente del Ayuntamiento de Cerdedo y se continuó la operación.

O primeiro mollón recoñecido pola comisión de Cerdedo foi o situado no Areal Pequeno ( propiedad del común de vecinos de Cerdedo-Caroi-Presqueiras); o segundo mollón recoñeceuse no Paso do Castro (Cerdedo-Presqueiras), o terceiro, en lo alto del cerro denominado Castro Grande (Cerdedo-Presqueiras); o cuarto, na Subida ao Xestido (Cerdedo-Presqueiras); o quinto, tamén na Subida ao Xestido (Cerdedo-Presqueiras); o sexto, na Fontefría (Cerdedo-Presqueiras); o sétimo, en lo alto del cerro denominado Outeiro do Vento (Cerdedo-Presqueiras); o oitavo, en lo alto del cerro denominado Outeiro do Coto (Cerdedo-Presqueiras): Hay que hacer la observación de que este mojón tiene grabada una cruz cuyas aspas miden veinte centímetros; o noveno, en lo alto del cerro denominado Outeiro Redondo (Cerdedo-Presqueiras): Hay que hacer observación de que este mojón tiene grabadas cuatro cruces cuyas aspas miden veinte centímetros); o décimo, no Outeiro de Monleán (Cerdedo-Presqueiras); o undécimo, na intersección do río de Carballás e do regato de Monleán (Monleán) (Cerdedo-Presqueiras); e o duodécimo e aux., na intersección do río de Carballás co camiño vello de Presqueiras (Pozo do Cervo) (Cerdedo-Presqueiras).

A xornada do 13 de agosto non deu para máis. O topógrafo e a delegación de Cerdedo reanudarían os traballos ao día seguinte (14 de agosto, venres) ás 9 da mañá. De novo, os representantes de Forcarei non fixeron acto de presenza.

O mollón décimo terceiro recoñeceuse no Cotiño Bidueiro (Cerdedo-Presqueiras); o décimo cuarto, tamén no Cotiño Bidueiro (Cerdedo-Presqueiras); o décimo quinto, na intersección do río de Carballás e o río do Castro (Ponte do Porto) (Folgoso-Presqueiras); o décimo sexto e aux., no río do Castro á altura da Fonte da Cova do Lobo (Folgoso-Presqueiras); e o décimo sétimo, no Outeiro das Cruces (Folgoso-Ventoxo).

A seguir, o topógrafo e a comisión de Cerdedo recoñeceron e sinalaron o décimo oitavo mollón no lugar denominado Laxa do Home (Folgoso-Ventoxo). Así consta en acta:

Se reconoció como tal una piedra empotrada de forma aproximadamente paralepipédica cuyas dimensiones máximas visibles son: largo, un metro setenta centímetros; ancho, cincuenta centímetros; alto, un metro veinte centímetros y su materia granítica.

Está situado en el paraje denominado "Laja do Home" [Laxa do Home], en terreno de monte bajo de tojo y pastos, propiedad del común de vecinos de las parroquias de Folgoso y de Millarada. [O topógrafo debera escribir "de Folgoso y de Ventoxo"].

Desde él se ve en dirección N.O. el pueblo de Folgoso, en dirección N.E., el de Ventojo [Ventoxo] y en dirección O., el de Presqueiras.

El mojón anterior [o mollón 17º] se ve en dirección O. a una distancia aproximada de cien metros.

La línea de término entre este mojón y el anterior es la recta que los une.

O topógrafo e a comisión de Cerdedo empregarían aínda a xornada do día 15 de agosto (sábado) para completar a operación de recoñecemento e sinalización dos marcos de deslinde entre os concellos de Cerdedo e Forcarei. Os representantes de Forcarei tampouco acudiron á cita.

Volvendo ao mollón 18, sito no predio da Laxa do Home, no apartado "Croquis y notas", amais do bosquexo, na acta engádese o seguinte apuntamento:

Piedra empotrada granítica de 1'7 x 0'5 x 1'2 con una cara grabada. Sitio "Laja do Home".

Con estas indicacións, o día 28 de xullo os exploradores de Capitán Gosende percorremos a penela estremeira do Outeiro das Cruces (o coto do outeiro elévase por riba dos 630 metros). No sitio onde agardabamos atopar o marco da Laxa do Home, localizamos o marco do Outeiro das Cruces (coordenadas.- X: 554.863; Y: 4.709.245; alt. 620 m), un testeiro de xisto no que converxen os lindes das parroquias de Folgoso, Ventoxo e Presqueiras (San Miguel). No pedrón do Outeiro das Cruces graváronse en época histórica unhas dez cruces (tip.: cruz latina). Patrimonio catalogou o petróglifo en xullo de 2004 (clave de identificación: GA36018109).

Afanámonos na busca polos arredores, mais, por desgraza, non demos co marco da Laxa do Home nin coa súa "cara grabada". Cremos que a intensa actividade forestal desenvolvida na zona puido ser a causa da súa desaparición. O chamadeiro "Laxa do Home" e as evidencias documentais lévannos a pensar que, en época recente, se destruíu naquel predio unha rocha gravada con motivos antropomorfos. Na fotografía do "Voo americano" (1956-7), vese que o lugar aínda non se destinara á actividade silvícola nin se cuarteara con pistas.

Porén, non tornamos do Outeiro das Cruces co fardel baleiro, pois, na rebusca, batemos con dous gravados rupestres inéditos. Sen desbotar a posibilidade de dedicarlle outra xornada á localización do petróglifo da Laxa do Home, decidimos denominar as novas descubertas petróglifo do Outeiro das Cruces II e Outeiro das Cruces III. Ambas as dúas atópanse en territorio da parroquia de Ventoxo (Forcarei).

O petróglifo do Outeiro das Cruces II sitúase no punto máis alto do colado (coordenadas.- X: 554.927; Y: 4.709.173; alt. 635 m). O gravado rupestre, composto de cinco coviñas, tallouse na parte superior dun afloramento metamórfico en forma de crista duns 3 metros de lonxitude e 50 centímetros de largura. A coviña meirande, que tamen é a máis profunda, ten uns 8 centímetros de diámetro. A coviña máis pequena acada os 3 centímetros de diámetro. As concavidades alíñanse de norte a sur (no andar da pedra), e 3 delas arrodean unha bacía, probabelmente natural. O gravado rupestre atópase a uns 50 metros, cara ao leste, da estrema coa parroquia de Presqueiras.

O petróglifo do Outeiro das Cruces III sitúase a uns 50 metros, cara ao sudoeste, do petróglifo do Outeiro das Cruces II (coordenadas.- X: 554.907; Y: 4.709.125; alt. 633 m). O gravado rupestre componse de 3 coviñas en arco duns 4 ou 5 centímetros de diámetro. Tallouse nunha laxa metamórfica cuxa superficie visíbel é duns 2'5 metros cadrados. O gravado rupestre atópase a uns 15 metros, cara ao leste, da estrema coa parroquia de Presqueiras.

As estacións petroglíficas do Outeiro das Cruces arrodéanse de piñeiros (repoboación recente) e monte baixo (carrasco, carqueixa e toxo) e sitúanse a pouco máis de 1 quilómetro, cara ao sudoeste, da aldea de Ventoxo (Forcarei); a pouco máis de 1 quilómetro, cara ao oeste, da aldea de San Marcos (Pardesoa-Forcarei); a pouco máis de 1 quilómetro, cara ao nordés, da aldea de Morgade (Presqueiras-Forcarei); a 1'5 quilómetro, cara ao sueste das aldeas do Outeiro e Quinta (Folgoso-Cerdedo); e a uns 600, cara ao leste, da madre do río do Castro, afluente do Lérez.

Coa descuberta dos petróglifos do Outeiro das Cruces II e III, o colectivo Capitán Gosende atopou no concello de Forcarei 16 gravados rupestres (Presqueiras, Castrelo, Pereira e Ventoxo) e 70 na comarca de Montes.

Polo que respecta ao concello de Forcarei, agardamos que a nova corporación municipal reciba esta noticia coa ledicia coa que nós lla transmitimos e faga todo o necesario para protexer e divulgar o seu tesouro rupestre, unha mostra de arte prehistórica tan fermosa coma enigmática.