O Clube da Lingua, do instituto cruceño Marco do Camballón, festexa a chegada da fin do curso montando unha exposición con fotos de CDs de música galega. Baixo o nome de A nosa música somos nós, poderán verse 40 fotomontaxes quereúnen unha antoloxía da historia da música galega e actual. Cada fotomontaxe reúne a capa dun CD sobreposta sobre alumnado ou profesorado deste centro educativo. Aparecen fotos non só de música tradicional, senón tamén de traballos vinculados a estilos tan dispares como o ska, o rap, o pop ou o reggae. Así é que durante dous anos os alumnos e os docentes estiveron sacando fotos con CDs de Ana Kiro, Sokram, A Banda da Loba ou Sabela.

Por outra banda, mañá venres dúas alumnas regueifeiras, pertencentes á chamada Nova Regueifa Feminista, acompañadas por un docente, viaxarán a Madeira para participar no encontro de repentismo A improvisar é ca gente s'entende. Nuria das Cruces e Lorena Medela, co profesor Sechu Sende, formarán parte da comitiva galega que acode a este congreso, e na que tamén se integran alumnado e profesorado do IES de Baio, a Escola Semente e a regueifeira Alba María. Todos eles foron convidados pola Associaçao Xarabanda para impartir diversos obradoiros de formación. A este festival, que terá lugar o domingo, están invitados repentistas doutras partes da lusofonía, como Azores. O IES Marco do Camballón impulsou o Proxecto Regueifesta e foi o primeiro centro en impartir Regueifa e improvisación oral en verso como materia optativa. Neste curso os seus estudantes estiveron en Barcelona, Aveiro, Vigo ou O Courel.