O auditorio da Semana Verde de Silleda foi o escenario onte do acto de gradación do alumando de segundo de Bacharelato do IES Pintor Colmeiro da localidade e previamente, celebrouse o acto de entrega dos premios do concurso Videoghit 2019. O mellor proxecto deste ano quedou na casa, xa que alcanzou a vitoria Tempestades de Sal da artista galega Sés, dirixido por Mario Rodríguez, do instituto silledense. Este proxecto tamén estaba nominado na modalidade de mellor edición de vídeo.

Na categoría de mellor videoghit infantil e primaria, que se creou o ano pasado, o gañador foi Regueifando en Marín, do alumnado de cuarto de Primaria do CEIP do Carballal de Marín. Este traballo tamén arrebatou o primeiro posto na modalidade de mellor interpretación musical (son propio) ademais de estar nominado na de mellor actor/actriz de reparto .

O galardón á mellor actriz recaeu na alumna do Pintor Colmeiro Barca Pérez por El mon no es seu, videoghit que tamén optaba a ser o mellor desta edición. Mentres, Samuel Rouco do IES As Barxas, de Moaña recibiu o de mellor actor polo seu papel en Chico cabalo, un proxecto que contou con seis nominacións. Na modalidade de mellor actor/actriz de reparto o galardón foi para unha alumna, para Salma Chaitany do Pintor Colmeiro, polo traballo Non queremos máis golpes, que obtivo outras dúas nominacións. O premio á mellor edición de vídeo levouno o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro por Todo o que ides aprender, que optaba a outras catro distincións. Sementar, sementarei, dos nenos de cuarto, quinto e sexto de Primaria do CEIP de Louro ganou a de mellor deseño de vestiario e caracterización, pero non puido alcanzar a vitoria noutras dúas categorías. E na de mellor fotografía foi para Komorebi de Laura Villanueva e o premio Concello de Silleda para Lacón con grelos de Javier Villanueva, ambos traballos do IES Pintor Colmeiro.