Xa dende o curso pasado, a ANPA do colexio de Cercio quería decorar o comedor "porque lle faltaba algo, era coma se non pegase co resto do cole", explica a presidenta do colectivo de proxenitores, Ana Varela. A asociación tiña varias propostas, pero a opción de consultar coa cooperativa Cestola na Cachola sempre se impuxo, dado que os pais e nais coñecían a traxectoria desta entidade. "Non queriamos a típica pirámide dos alimentos", lembra a presidenta. Xa neste curso, a ANPA deulle forma ao que precisaba: un mural e uns obradoiros sobre consumo consciente, é dicir, alimentación sá e de produtos de proximidade.

Unha vez que a ANPA puido contar co respaldo económico tanto do propio colexio como da área de Educación do Concello de Lalín, a idea de Cestola na Cachola materializouse a pasada fin de semana. O mural ocupa a parede do fondo do comedor e coa lenda A xantar! amosa catro nenos que transportan cenorias,tomates, porros, mazás, unha folla de leituga e, nun carriño, coliflor. Unha pera e un pemento encárganse de enmarcar o cadro, que semella ter por fondo un campo de trigo.

Como diciamos, a este mural sumaránselle obradoiros, despois de Semana Santa, que Cestola na Cachola impartirá a todo o alumnado de Infantil e Primaria. O traballo vaise centrar no entorno do colexio, para que os nenos poidan coñecer o proceso de cultivo de boa parte dos alimentos que se consumen a diario. A dicir verdade, moitos dos alumnos xa saben cómo é dito proceso, pois o colexio dispón desde hai tempo dunha horta propia na que cultivan leitugas, tomates ou chícharos. Ana Varela engade que estes productos se consumen logo no comedor, que ademais se fornece de alimentos de proveedores locais. Está claro que comer san é un arte, en todos os sentidos.

Por outra banda, a ANPA do colexio de Cercio está deseñando xa a xornada de convivencia que organiza desde hai anos na área recreativa de Mouriscade. Nese día, as familias poderán compartir mesa e mantel, pero también diversas activiades ludicas nunha das paraxes máis fermosas de Lalín.