Tocoulle pór cara á sorpresa. E tamén nome: Luís López Bueno. É a proposta que a executiva local da Agrupación Socialista da Estrada fará á militancia como candidato do PSOE para as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. A familia socialista terá o sábado a derradeira palabra. Esta formación convértese na última con representación municipal na Estrada en anunciar ao seu alcaldable pero tamén na única que desta volta apostou pola renovación no primeiro posto da lista. Asegura que asume o reto como unha oportunidade e entende que a súa idade -25 anos- xogará a favor, convencido de que o que chegará ao electorado é o proxecto que os socialistas teñen para A Estrada.

-É o tema do día na Estrada. Como está vivindo o día despois de que o PSOE anunciase a intención de que sexa o candidato socialista que loite pola Alcaldía da Estrada o próximo 26 de maio?

-A verdade é que con cautela pero moi contento. Estanme chegando moitísimos apoios, da xente en xeral, e entón non podo estar máis que agradecido. Esperemos ser quen de responder á ilusión que parece que se está xerando.

-É o rostro da sorpresa. Nos mentideiros políticos escoitábanse nomes como o de Belén Louzao, integrantes do actual grupo municipal socialista ou mesmo se aseguraba que o exalcalde José Antonio Dono sería o candidato...

-O tema de Belén é por motivos persoais e é completamente entendible. O PSOE ten que mirar na Estrada por ter unha cabeza que poida asumir todo o que conleva ser un representante público, dos veciños e veciñas. Si é verdade que se especulou bastante, pero eu creo que é un síntoma da boa saúde do socialismo na Estrada. Ao final temos futuro e nesa liña é na que imos traballar: no futuro da Estrada como Concello e no futuro dos veciños e das veciñas.

--Asume o desafío de xeito moi meditado? Tomou moito tempo en madurar a proposta?

-Evidentemente tomei un tempo para pór en orde as miñas ideas pero non me custou decidilo. Eu non era capaz de velo doutra maneira que non sexa unha oportunidade. Eu teño as miñas ideas e o Partido Socialista ten as súas ideas para A Estrada. Cando se che presenta a oportunidade de poder trasladalas aos veciños e veciñas e propoñelas, e que eles as tomen como súas, con ilusión e con visión de futuro para o concello... eu a verdade é que non o dubidei demasiado.

-Afiliado ao PSOE dende os 16 anos, número 13 da candidatura socialista e secretario xeral de Xuventudes Socialistas dende 2016... Semella que a convicción o anima a dar o paso...

-Si, non pode ser doutro xeito tampouco.

-Di que o percibe como unha oportunidade. Da certa vertixe o momento de aproveitala, sabendo que veñen por diante uns meses de batalla electoral?

-Para nada. Eu non teño máis que sensacións positivas, sobre todo coa resposta da xente á noticia. O único que da son máis gañas de traballar. Sei que quedan uns meses ata o 26 de maio e que temos que traballar arreo para gañar a confianza da xente, que é o obxectivo.

-O PSOE convértese na única forza con representación municipal que aposta por unha renovación na súa cabeza de lista. Como ve o escenario político que terá que afrontar?

-O Concello ten unha maioría absoluta do Partido Popular, que fai gala do seu rodillo durante estes últimos catro anos e o no común, nas veciñas e nos veciños, o que eu percibo é certa fartura coa institución que é o Concello en xeral. É certo que nós somos os únicos que renovamos a cabeza e considero que é unha medida boa no sentido de que amosamos que temos futuro e un proxecto para A Estrada.

-Pensa que a idade e o feito de que os seus adversarios leven máis tempo en política pode xogar na súa contra ou que a renovación lle pode axudar a dar a volta ao marcador?

-Evidentemente son unha persoa nova pero creo que xoga ao noso favor. Eu non o focalizaría na idade senón nas ideas. Ao final nós o que lle imos propor aos veciños e veciñas da Estrada é un proxecto. O que pretendemos é que a xente o tome como seu e se namore da nosa visión de futuro, do que queremos para A Estrada. O tema da idade non o valoro como un factor capital.

-Os aires novos na cabeza da lista traducirase nunha renovación tamén do conxunto da candidatura?

-Intentaremos contar con todo o mundo que queira achegar o seu traballo e as súas ideas. Non podemos renunciar a todo o traballo que se leva feito. Perfilaremos unha candidatura que aglutine a renovación e o que é este partido na Estrada.