Muros, peches e construcións para diferentes usos agrarios e gandeiros (alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños) contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio. A pedra en seco é unha técnica ben coñecida e valorada en Galicia. De feito, diversos bens sobranceiros, declarados de interese cultural, como os lugares de valor etnolóxico de Seceda e Froxán, en Folgoso do Courel; os muíños do Folón e Picón, no Rosal; ou os Pendellos de Agolada foron executados con este procedemento.

A este mercado medieval acudiu onte o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, con motivo da inclusión desta técnica construtiva no patrimonio inmaterial da Unesco. A declaración "dunha técnica tan desenvolta en Galicia" como patrimonio da humanidade supón "unha nova oportunidade no crecemento sustentable de Galicia e servirá para valorizar a nosa paisaxe e legado inmaterial", apuntou o político lalinense. Canda el estiveron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; o tenente de alcalde de Agolada, Héctor Martínez; e Manuel Busto, de Baluarte dos Pendellos. Deste coñecido conxunto histórico, declarado ben de interese cultural no 1985, Rodríguez destacou "o seu carácter representativo do emprego da pedra seca" no eido da arquitectura popular.

A pedra seca galega vén de ser incluída o mércores na lista representativa da Unesco como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos liderada por Grecia e Chipre, e na que España participa a través de oito comunidades, entre elas, Galicia. A Xunta de Galicia participou intensamente no desenvolvemento de todo o proceso da candidatura. Se ben son abondosos e significativos os exemplos da pedra seca en todo o territorio galego, esta técnica resulta especialmente relevante nas comarcas de Deza, Terra de Montes, Pontevedra, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, Terra Chá e Ribeira Sacra.

Este recoñecemento global representa o compromiso dos países involucrados na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión. Neste sentido, o conselleiro informou de diversas actuacións que se prevén realizar para a salvagarda e divulgación do que é o primeiro ben inmaterial galego inscrito na lista representativa do patrimonio mundial da Unesco.

Deste xeito, o vindeiro ano comezará a realizarse un censo dos elementos máis representativos da pedra seca galega, xeolocalizándoos e identificándoos segundo a súa tipoloxía construtiva. Está previsto o deseño dunha aplicación móbil a través da que se poida acceder á información máis relevante sobre esta técnica e exemplos destacados en Galicia.

Fomento e promoción

Asimesmo, a través da Axencia Turismo de Galicia, prevese levar adiante unha orde de axudas para a rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos, na que se valoraría positivamente o feito de que o ben en cuestión estea construído coa técnica da pedra seca e contase cunha proposta de actuación realizada con criterios de calidade e acometida por profesionais cualificados.

Cómpre lembrar que para os propietarios de bens construídos con esta técnica a inclusión na lista non suporá requisitos adicionais á hora do seu mantemento e conservación máis aló dos existentes na lexislación vixente. En todo caso, a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxestións para os interesados no seu uso e conservación; así como fomentar a pedra seca a través de programas e proxectos.