O vindeiro 16 de novembro abrirá unha exposición no espazo artístico do Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Nestes días, Nicolás González Aller ultima os detalles dunha mostra que racha coa súa obra inmediatamente anterior en canto a temática e emprazamento, nada menos que o espazo cósmico.

-Que atopará o público nesta nova exposición que responde ao nome de Unha leira na lúa ?

-Con esta obra a miña intención era facer algo distinto, nin mellor nin peor cas anteriores. Ao cansarme dos terrícolas marcheime para o espazo, por iso ten ese nome. Entón alí establecín a base para viaxar para viaxar polas diferentes constelacións e planetas. É un tanto díficil de explicar porque é unha temática radicalmente nova respecto das anteriores.

-Como xermina a idea de pintar o cosmos ou cuestións que trascenden á Terra?

-Un tío avó meu era Ramón María Aller. Entón hai anos a un cráter da lúa puxéronlle o seu nome. Foi un astrónomo inglés. E hai cuestión dun ano e medio estaba nunha exposición do Museo Provincial de Lugo; dentro del había unha instalación na que naceron unhas patacas, quedei mirando aquilo e pensei que viñan da lúa. Así deveu a idea de que eu teño unha leira na lúa e planto alí patacas. Ademais tiña ganas de facer algo distinto e por iso me metín en cuestións astronómicas. A mostra ten bastante cor, é unha serie de case 30 obras. Foi difícil facela porque é complicado pintar o espazo sen ter ido, pero para iso serve a imaxinación. Neste caso, amais, nutrínme das raíces que xa traía de atrás.

-Cal é o motivo de expoñer esta serie de pinturas na capital galega?

-O primeiro espazo que elexín para expoñer esta mostra foi o Mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela, dende o 16 de novembro ata o 16 de xaneiro. Aquí estanse facendo moi boas exposicións, en concreto agora hai unha de Gaudí, despois ven a miña uns dous meses e despois estará a de Leonardo. Foi unha coincidencia ben bonita [risas]. Quería facela aquí por estar relacionada con este familiar meu, que ademais é amigo honorífico da catedral e este ano é o 75º aniversario da Fundación Museo Astronómico de Santiago, que él fundou tamén. Está relacionado tamén porque vai haber unha segunda parte no museo de Ourense. É dicir, seguirei traballando arredor desta temática para esta segunda versión do museo ourensá que xa teño comprometida para finais do ano que vén ou comezos do seguinte.

-Onde atopa os motivos de inspiración?

-Eu, cando preparo unha exposición, aínda que ás veces escapo, procuro ler libros que están un pouco relacionados co tema. Neste caso, coa astronomía. Así documéntome un pouco, agora o que procuro facer é non ver nada de arte, para que me veñan as influenzas que xa tiña antes, non empezar a ver cousas que me poidan distorsionar un tanto o que estou facendo porque poden contaminar, dalgún xeito. Un non empeza de cero a pintar, as referencias vanse acumulando pero hai que destilar, hai que aderezalas para chegar á túa creatividade. Eu tamén fixen moito figurativo. De feito, tiña pensado expoñer aquí en Lalín, pero como aquí na localidade xa expuxen tantas veces non quero caer na repetición. É unha serie de retratos que levo facendo dende hai algún tempo.