Primeiro eran dúas, agora e dende hai tres anos, aos idénticos rasgos das irmás, media Natalia. Ás tres lles une a música tradicional como forma de vida. Todas elas conforman Tanxugueiras, un insurxente grupo de cantareiras que bebe das raíces tradicionais e carga de contido ás coplas folclóricas cun acento innovador e transgresor. A diversión e a súa habitual presencia nos seráns servíulles para coñecerse entre elas e animarse a formar un grupo. Pasados tres anos confían en seguir trazando a ruta de cara ao éxito. Este mes véulles cargadiño de boas novas, entre elas a do vindeiro 14 de agosto no que darán comezo á noite das Nosas Músicas de Couso a partir das 22.00 horas.

-Fixéronse virais co vídeo no que aparecen improvisando durante a viaxe musical que as levou a Glasgow (Escocia). Como xorde a idea de realizar e publicar vídeos a través da súa a páxina de Facebook?

-O primeiro día empezamos de broma gravando unha peza popular, Qué bonita es Cuba que agora nos concertos sempre nola piden para que a toquemos.Aquel día estabamos ensaiando porque tiñamos dous seráns e fixemos o vídeo que obtivo, xa no primeiro día, 12.000 reproduccións. Isto animounos moito así é que en cada ensaio gravamos unha pequena peza e, ao ver que a xente lle gustaba, seguimos niso.

-A pesar de que ás tres as ten embriagadas o folclore galego dende pequenas, que supón para vostedes moverse agora no mesmo terreo pero a nivel profesional?

-É estrano porque sempre temos visto aos"grandes" desde outra perspectiva pero cando chegamos aí, cando vemos que a xente nos fala de ti a ti e nos consideran artistas case ao mesmo nivel que eles é moi gratificante. Nós non deixamos de ser tres mozas que non tiñamos nin idea de como funcionaban os micrófonos nin tampouco de levar unha banda detrás, entón foi moi difícil.Ao comezo tivemos moitas críticas pero tamén moitas loanzas. Hai xente que nos aprecia e outra que non o fai. Agora tratamos de xestionalo do mellor xeito posible.

-Para vostedes, a órbita do canto máis do baile tradicional galego está a rexurdir entre as novas xeracións respecto a hai uns anos?

-Eu creo que si aínda que é unha cuestión cíclica. Grazas a que o canto e o baile se foron renovando ocuparon, ao mesmo tempo, un papel importante na xuventude. Ao comezo unha pode pensar que son historias de maiores pero cando ves que hai xente moza facéndoo, cámbiache a mirada. Porén, aínda queda moito que evolucionar. Por exemplo, antigamente os homes eran os que sacaban os puntos de baile, ademais, eran os que organizaban e ían a todas as festas do entorno mentras que as mulleres non o podían facer. Agora isto está mudando. As mulleres comezan a sacar os puntos e teñen unha maior sensibilidade. Desde Tanxugeiras cremos que xa non se tería que falar disto; se a sociedade está cambiando, as tradicións tamén o deberían facer.

-O seu tema, que non mo neguen , asume unha clara vertente feminista. Esta denuncia ou reivindación inténtana incorporar ao resto do repertorio?

-Nós cremos que as mulleres por como foron e están sendo tratadas teñen un papel moi enfastiado na sociedade, na música ou en calquera outro aspecto. Queremos darlles unha palmadiña no ombreiro e dicirlles que estamos todas xuntas nisto. Tamén foi complicado para nós pero intentamos facer ver que somos mozas do noso tempo, que facemos o que nos da a gana e ninguén nos ten que dicir nada: decidimos sobre a nosa vida como tamén sobre o noso grupo.

-Entón, intentan sacar a relucir o aspecto alegórico de protesta que ocultan algunhas das coplas tradicionais?

-Si. A nós séguennos as nenas. Sobre todo a elas lles queremos facer ver que a música tradicional é das mulleres aínda que no teñamos nada en contra dos homes. Ao contrario, cremos que todo o que sume é positivo pero son elas que teñen que seguir o legado que outras persoas deixaron, así que nós esperamos que estas nenas que agora nos seguen se empoderen, que intenten innovar e que vivan como queiran sen que ninguén lles diga o que teñen que facer.

-A pesar de que o seu traballo bebe das cancións que lles chegan a través dunha grande labor de recolecta, existe nelas unha parte de creación propia?

-Si. Por exemplo en que Non mo neguen hai só unha copla tradicional, o resto da letra creámola nós pero coa axuda incondicional de María Xosé Silvar SES que ten un gusto exquisito para darlle significado ao gallego, ao traducir as coplas do castelán, cunha maxia e sonoridade impecables.

-Na súa páxina de Facebook compartiron o potente cartel que as acompañará durante todo este mes de agosto, do cal din "temos un agosto cheíño de festa". Cal é a cita que máis as conmove?

-Moitas porque nunca antes imaxinaramos poder actuar nelas. Desde poder ir ao festival Celtic en Glasgow (Escocia) ata pasar polo Esmorga en A Bandeira que nos emociona porque estaremos cos "grandes" Treixadura e Leilía. Tamén poder estar nas Nosas Músicas en Couso porque para nós é a nosa segunda casa. De feito foi aquí onde coñecimos a Aida e, durante moito tempo, estivemos ensaiando nun local que nos cederan de xeito altruista. Por iso temos moi boa relación con estas terras.