O vindeiro sábado, 21 de xullo, ás 21:30 horas, celebrarase no campo da festa da parroquia de Cercio a XXI Mostra de Baile Tradicional de A Carballeira. Como vén sendo habitual, un dos pratos fortes será a entrega dos premios á defensa da cultura tradicional; na súa decimocuarta edición, os premiados son o IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, na categoría comarcal, e a Asociación de Veciños da Cacharela, no ámbito municipal.

Neste segundo caso, o xurado tivo en conta as numerosas actividades que celebra ao longo do ano recuperando para Lalín o espírito de "barrio" que agora se está estendendo no pobo. Non obstante, destaca a celebración do entroido e a creación dunha figura do carnaval galego, o cacharelo, inspirado na obra de Laxeiro, que, se ben non son antigos, si se están a converter nunha referencia. O presidente do grupo de Cercio, Roman Carballal, indica que "premiar aos veciños da Cacharela é como premiar o espírito da parroquia no medio do casco urbano", pois alí "mantense como en ningún lado a alma rural que nunca debe abandonar un lalinense". A Cacharela recolle a testemuña deixada pola Banda de Vilatuxe.

Do IES Marco do Camballón, o xurado loa a posta en valor dunha das tradicións orais máis antigas e senlleiras de Galicia, como son as regueifas, que se veñen estudando e dando a coñecer entre os alumnos e os veciños da contorna e mesmo de fóra dela a través dos traballos levados a cabo dende o instituto cruceño. Carballal xustifica así o galardón: "A regueifa é a expresión galega que mellor nos define, improvisamos continuamente e a retranca forma parte do noso ser. Ver como profesores e alumnos se mesturan nun labor educativo a través do cal se pon en valor a cultura tradicional e o idioma non debe pasar desapercibido para ninguén e debemos recoñecelo e dalo a coñecer". Hai un ano foran Xirandola e a Asociación de Veciños de Parada os distinguidos. Como cada ano, os premios consisten en tallas de madeira simulando unha folla de carballo, obra de Alberto Barrio, de Lalín.

A Carballeira nomeará socio de honra a Panadería Fernando, de Lalín de Arriba. "Fernando, Concha e agora Manolo non son simplemente uns panadeiros que traen pans e empanadas. Son parte do grupo, os que levan anos chegando co pedido antes de facelo, os que fan que nos desfiles do cocido baixemos sen fame na carroza e os que cocen lacóns nos festivais. Moitos anos colaborando con nós a cambio dunhas grazas que nin sempre se lles dan, está é a nosa maneira de facerllas chegar xa para sempre", explica Carballal.