O Novo Cruceiro Rock soprará as dez velas o vindeiro 10 de agosto. Por iso, a organización quixo que nesta celebración actuasen grupos que xa teñen estado en edicións anteriores. O cartel contará con Zënzar, Desequilibrio Mental e Os John Deeres. Zënzar "poden considerarse os padriños do rock en galego e que ademais nste ano cumpren 30", explica unha das organizadoras Nerea Fiúza. Zënzar estivo na primeira edición, e Desequilibrio Mental, outro dos grupos confirmados, xa actuou dúas veces "e ademais temos unha relación de amizade con eles". O mesmo ocorre con Os John Deeres. A estas tres confirmacións súmase un cuarto nome, que se dará a coñecer nos vindeiros días.

A Asociación Cultural Novo Cruceiro Rock, organizadora do certame, empezará esta semana a vender camisetas en Facebook e tamén nas feiras do 4 e 17 de xullo e na do 4 de agosto. As de adultos valen 10 euros, e as de nenos, 8. Tamén se poderán mercar chapas. O Concello outorgalle unha axuda económica para as actividades que haberá para os nenos durante a tarde, e que aínda se están deseñando. Os concertos darán comezo ás 23.00 horas na Praza Juan Carlos I e contan cunha notable afluencia. "Non é un macrofestival, pero adoita vir moita xente de fóra", sinala Fiúza.