O sétimo certame de Microrrelatos que convoca a Concellería de Normalización Lingüística de Silleda recibiu 101 traballos. Por categorías, na de 6 a 12 anos presentáronse 45 creacions, mentres que na de 13 en diante están rexistrados 56. A maioría dos participantes son estudantes de tres centros educativos do municipio. O lema deste ano é "A emigración", e o xurado valorará a orixinalidade e creatividade dos textos, que deberán estar escritos íntegramente en galego. O fallo do tribunal darase a coñecer antes do 31 de maio, e os nomes dos gañadores publicaranse na web www.silleda.gal, ademais de notificárselle a través dos datos facilitados coa presentación do traballo.

Os premios para cada categoría consistirán nunha tablet valorada en 100 euros e un vale de 20 euros para canxear en comercios silledenses. Ademais, se o gañador é dalgún centro educativo do municipio, entregarase un vale de 50 euros para mercar libros en galego nas librerias do municipio e que serán destinados á biblioteca do centro educativo correspondente.