Esta é unha das novas que nos aleda poder comunicar: A igrexa monacal de San Pedro de Vilanova, en Dozón, vai ser obxecto de rehabilitación en breve, segundo nos confirmou o párroco Manuel Civeira, quen sinalou que nestes días a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia mandará aos técnicos para establecer os traballos a realizar de cara a mellora e conservación deste singular monumento románico da nosa comarca.

Nunha das nosas últimas visitas reparamos no lamentable estado que presentaba o interior desta igrexa monacal: O único retablo que se conserva apodrecía, as imaxes máis antigas de pedra perdían a policromía e as de madeira eran pasto da caruncho ao igual que o escaso mobiliario litúrxico existente, entre as lousas da nave e os muros brota a auga da humidade pola falta de mantemento e tamén por quedar sen concluír as obras de restauración levadas a cabo hai máis de corenta anos.

Un dos nosos informantes na parroquia indicaranos que un veciño ía pagar as obras de mellora no templo, ao igual que tempo atrás custeara a restauración do retablo da igrexa parroquial. Dado o elevado orzamento que supoñía e os permisos que farían falta dubidamos da veracidade da información e agardamos a que o cura párroco Manuel Civeira nolo confirmara. Cómpre subliñar a implicación, sensibilidade e interese deste sacerdote na conservación do patrimonio das parroquias que ten ao seu cargo, así coma do coñecemento da súa historia e aspectos artísticos, dos que nos ten feito participes en varias ocasións. Malia estas eivas, o templo segue a ser usado para o culto con ocasión de festas e enterros que celebran os veciños deste anexo de Dozón.

Xoia do románico

Da igrexa de San Pedro de Vilanova que referíamos en 1989 no noso libro A comarca do Deza coma unha verdadeira "xoia do románico galego" abondan as referencias e figura en moitas guías e publicación. Malia ser declarada BIC (Ben de Interese Cultural) hai moitos anos, a escasa sinalización e o estar afastado das vías importantes fan que sexa descoñecida para moitos paisanos e alleos. Del ocupouse con rigor o noso mestre Hipólito de Sá Bravo en Rutas del románico en la provincia de Pontevedra, obra publicada en 1978: " Entre las pequeñas iglesias monasteriales que han llegado completas hasta nosotros pocas habrá, dentro del estilo románico, que encierren el valor arquitéctonico que tiene la iglesia de San Pedro de Mosteiro de Dozón, perteneciente a un antiguo monasterio de monjas benedictinas que en el siglo XVI fue anexionado al de San Payo de Antealtares en Santiago...".

O actual director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez, é autor dun libro adicado a esta igrexa publicado en 1983 pola Editorial Alvarellos de Lalín, e antes Emilio Duro Peña xa se ocupara de describila en 1968. Tamén o referido Hipólito de Sá no Faro de Vigo, en 1972, B. Regal en 1973, Yzquierdo Perrin en 1976, Bango Torviso no 1979 e nós mesmo na Gran Enciclopedia Gallega en 1973, por citar algúns autores, dedicaron traballos a este monumento senlleiro en terras de "Dezón", a orelas do río do mesmo nome, agora coñecido por Asneiro. Xa nos tempos actuais hai numerosas citas desta igrexa monacal e mesmo amigos nosos coma Antonio Vidal Neira ou Manuel Busto Galego lle ten adicado espazos nos seus blogues, razón pola cal non imos a dar moitos detalles aquí.

Espolios e roubos

Con todo, referente ao interior do templo tense publicado pouco ou nada. Boa parte delo débese a que dende a desamortización de Mendizábal do século XIX esta igrexa sufriu continuos espolios e roubos e pouco quedou para inventariar. Fermosos baldaquinos foron parar á igrexa parroquial de Dozón e ao Museo de Pontevedra, tamén ao mosteiro de Oseira e outras construcións relixiosas e civiles, e os retablos e imaxes repartíronse por outras igrexas e mosteiros das dióceses de Lugo e Santiago, ou foron vendidas ou roubadas, que pouco máis ten.

Pola contra, fican fóra do seu lugar orixinal varias pedras ben labradas, algunhas nas construcións veciñas que pertenceron á igrexa e as dependencias monacais, e curiosamente no único altar que se conserva poden ollarse un verdadeiro popurrí de imaxes de distintas épocas e representacións, acomodadas e mesturadas de mala maneira, varias delas alleas as advocacións que aquí se veneran de vello e que agardamos que logo das ansiadas obras de mellora que se aveciñan as poñan no seu debido lugar.