14 de septiembre de 2014
14.09.2014

Xeira etnográfica no San Bernabé

O lugar da ermida pode agochar un castro da Idade do Ferro

13.09.2014 | 22:46
Imaxe da ermida do San Bernabé.

San Bernabé é unha das quince aldeas da parroquia de Cerdedo. Non pasan da media ducia as construcións habitábeis e, aínda así, xa non quedan veciños para enchelas. Pese a seren poucos, moito se aprende escoitando aquela xente. O domingo 24 de agosto volvemos pisar as veigas do río das Cervas que, no seu treito inicial, leva por nome regueiro do Porto das Cubas. O domingo anterior (o día 17), membros de Capitán Gosende destacámonos ao San Bernabé, esporeados pola posibilidade de sumar un castro máis ao inventario arqueolóxico da parroquia. Ou moito nos trabucamos ou o cotarelo achandado onde se ergue a ermida do San Bernabé agocha un asentamento da Idade do Ferro.

A primeira visita deunos para explorar o recinto murado. As nosas pescudas víronse premiadas co achado dun fragmento de muíño navicular que afortala as nosas sospeitas.

A actual ermida do San Bernabé data de finais do século XIX. "Ano de 1907", lese nun costado da espadana, porén, xacando, alguén me indicou que "1907" non era o ano da construción da nave, senón a data de erección da espadana, obra do canteiro Manuel Gómez, e que, cara ao sur, ao agocho da carballeira, se atopan as ruínas do templo primixenio, máis modesto na súa feitura e dimensións.

A capela, obra dos canteiros Rivas e Sánchez, viría ocupar a croa do castro. O santuario acompáñase de cruceiro, descrito oportunamente por Reimóndez Portela (1985): "Plataforma: tres graos rectangulares máis longos na dirección leste-oeste. Pedestal: cúbico, biselado. Varal: hexagonal, liso. Capitel: un ovoide. Crucifixo: cuadrangular, liso. Altura: uns cinco metros". Baixo o alboio (prolongación da cuberta), situanse hoxe os mesados das rosquilleiras.

Na actualidade, a ermida do San Bernabé, a pesar do seu bo estado de conservación, presenta uns aditamentos de cemento que alguén, en mala hora, dispuxo. Escuso dicir que, en prol do seu realce, urxe substituír os elementos prefabricados por pedra ou madeira, ou paliar polos medios posíbeis o seu aspecto antiestético. As leiras da redonda e os camiños de acceso piden a berros unha roza. Ao parecer, o Concello carece de autoridade abonda para devolverlle a dignidade aos santos lugares.

Accederon os gardiáns do templo a abrirnos as portas, deferencia que moito agradecemos. Bóveda de canón (abondosas marcas de canteiro), chan enlousado e nas paredes, exceso de recebo branqueado. O fornelo central do retablo ocúpase cunha imaxe do padroeiro: o san Bernabé, flanqueado pola Virxe de Fátima e a santa Tareixa. Outra talla do apóstolo, de menor tamaño, ten o postoiro encol do altar mor. Este san Bernabé seica procede da capela vella cuxa construción veu motivada polo misterioso achado da imaxe no seo da carballeira. O padroado rexe os lugares de San Bernabé, Chamadoira, Limeres e Biduído.

Non tivo reparos a gardiá en impoñerme o santo, valéndose doutra figura do patrón, aínda máis cativa, provista de armela: "San Bernabé glorioso nos favoreza nos nosos perigos e necesidades". En Cerdedo, toda a axuda é pouca para os que, de cando en cando, ousamos dicir algunha verdade.

No tocante á iconografía do apóstolo nº 13, a talla do san Bernabé grande terma coa man dereita do Evanxeo de san Mateo (aberto) e, sobre o libro, as pedras coas que foi lapidado; na esquerda, un caxato e a palma, atributo dos mártires. O san Bernabé mediano terma, coa man dereita, dun caxato crucial; na man esquerda, o Evanxeo de Mateo (pechado), sostendo as pedras. O san Bernabé pequeno ase, na man dereita, o caxato crucífero e, na esquerda, o libro (aberto) e os coios.

Biqueille os pés ao san Bernabé pequeno e, coa mesma, co permiso dos "socios" da capela, empoliqueime no campanario. Espadana de dous corpos dotada de tres sinos de bronce. Lembremos a adiviña: "Unha vella cun só dente que chama pola xente".

No van do nivel superior alóxase unha campaíña (sen marcas) proveniente, tamén, da ermida primitiva. Nos vans do nivel inferior alóxanse dúas campás disimilares, obra de egrexios campaneiros. No medio pé da campá maior gravouse: "Fabricada por Ocampo en Arcos da Condesa". No medio pé da menor: "J. Liste en Orazo".

No obradoiro dos Ocampo (Arcos-Caldas de Reis), aínda en activo, fabricouse, en 1919, unha campá para a catedral de Compostela e, en 1998, os catro sinos da catedral da Almudena (Madrid). Os Ocampo, campaneiros dende 1630, son os últimos fundidores tradicionais. Do desaparecido obradoiro da familia Liste, campaneiros de Castrovite (Orazo-A Estrada), saíron tres campás para a catedral de Compostela (anos 1886 e 1916).

Ambas as dúas campás engaden no van unha cruz con pedestal (cara ao adro, como corresponde); no tercio, a data de fundición (na maior: 1926; na menor: 1893) e mais a epigrafía "IHS Mª y José", é dicir, "Xesús, María e Xosé", fórmula que, segundo o pobo, as habilita para esconxurar o trebón. O san Bernabé de inverno festéxase o seis de xaneiro, o san Bernabé do verán cae no 11 de xuño: "O día de san Bernabeo está o sol no máis alto do ceo".

A rea de prodixios atribuídos ao noso san Bernabé precisarían en exclusiva unha plana do xornal. Fagamos, pois, un exercicio de concisión. San Bernabé, "o fillo da profecía", foi apedrado e queimado en Chipre, a mans dos xudeus, no ano 63. O modus martirial faino avegoso da sarabia. Antano, á beira do camiño que conduce á aldea, achábase a fonte do Santo. O sulfato preparado coa auga do manancial gardaba a colleita do pedrazo. A construción da estrada fixo desaparecer o olleiro da maxia. Crentes ou descridos, a destrución do patrimonio supón tirar pedras contra o noso tellado.

San Bernabé (con "e" aberto) e san Bertalomeu (san Bartolomeo) son santos achegados e rivais. San Bertolameu é o patrón da aldea de Chamadoira, na outra banda do río (dist. 1 km). O de Chamadoira retén o demo, protexe o gando, garda do trono, do lume e, a maiores, avoga polas parturientes e polos nenos díscolos. Porén, segundo os fieis, a sona de milagreiro do san Bernabé outórgalle vantaxe na recadación de esmolas.

Dende tempos inmemoriais, na carballeira do San Bernabé escenifícase, en segredo, a corta do anghinido (tangaraño). O ritual esixe a presenza de tres Marías que, en prol do restablecemento do cativo, o fan pasar tres veces polo furo dunha cachopa. O ritual, que antecede á cristianización do lugar, suscitou que o san Bernabé de Cerdedo asumise as atribucións propias do san Bertolameu. Os nenos trastoleiros, os que mexan na cama, os que estoxan a comida, os que non rompen a falar ou prenden na fala, os choróns, os que se quedan no pranto... lévanse en presenza do santo na procura da súa intercesión. Denantes, nunha casa aldeá custodiábase unha pedra con forma de lingua, "a lingua de san Bernabé", podente amuleto (reliquia) que, introducida na boca das crianzas, esconxuraba calquera dos males referidos.

Cando a escaseza de auga esixe rogativa, condúcese a imaxe do san Bernabé ao regueiro das Teixugheiras (ou do Santo), afluente do Cervas. Alí, nunha pociña, somérxeselle a cabeza. A choiva non tardará en enchoupar a terra seca. Tamén se di que "se morre no ano un confrade do san Bernabé, chove o día da festa".

Dedúcese que o val do Cervas posúe un dobre escudo protector que apazuga ou desvía os desmandos da natureza. Así e todo, de non reclamaren os veciños, os santos víanse incapaces de afastar a cuadrilla municipal do herbicida. Este ano, impediuselle o paso á rolda do veleno e nos campos inzou o saltón e as andoriñas volveron sucar os ceos.

Relatáronnos, con asombro, o día que sobreveu o raio. A chispa, coándose pola cheminea dunha casa, levantou a chapa da cociña, zafreou as ventás e lanzou un coitelo con tal forza que o espetou entre o cachote da parede, de onde ninguén o puido aínda extraer. Afortunadamente, non se lamentaron danos persoais. Polo momento, a protección dos santos de perto é inmune aos recortes do Goberno.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia