As parroquias de Silleda, Vila de Cruces e A Estrada con tradición do Entroido da Ulla comezan a quentar motores para recibir a xenerais, correos, centinelas e máscaras un ano máis. Será a primera edición dende a distinción deste evento como Festa de Interese Turístico de Galicia, outorgada o pasado mes de setembro trala aprobación no Consello da Xunta. As novidades tamén se presentan no seo dos colectivos organizadores. Será o primeiro Entroido da Asociación Vello dos Cornos de Merza dende que mudou a súa directiva e na Estrada desfíxose en decembro a Asociación Estradense Entroido da Ulla, á que pertencían quince parroquias. Como é costume, Lamela abrirá o calendario nas comarcas, que pechará Salgueiros.

Lamela. Para ir abrindo boca, e a fin de non coincidir co resto das citas, os veciños de Lamela (Silleda) que participan na organización dos actos manteñen este ano -coma os cinco anteriores- a decisión de adiantar una semana a festa, de tal xeito que o seu día grande será o sábado 22 de febreiro. Os primeiros altos das comarcas escoitaranse nesta parroquia, despois do desfile de carrozas con máscaras. Os promotores terán a primeira reunión preparatoria o próximo sábado. Polo momento, o proxecto de constitución dunha asociación que asuma os preparativos do programa está sen pechar.

Merza. Esta parroquia de Vila de Cruces celebrará o seu Entroido o domingo 23 febreiro, o mesmo día da Feira do Cocido de Lalín, como é costume. Será a primeira cita organizada pola nova directiva da Asociación Vello dos Cornos, presidida por Belén Guzmán. O equipo comezou esta pasada fin de semana a programar os actos, que comezarán ás 15.30 horas cun desfile dende A Moa no que non faltará O vello dos Cornos, personaxe tradicional destas terras. O Alto dos Xenerais será ás 17.30 horas no agro da igrexa parroquial.

A Bandeira. A primeira convocatoria da fin de semana propia do Entroido será na Bandeira o venres 28 de febreiro. A Vellada, pola tarde, marcará o inicio do programa desta localidade silledense que terá o seu día grande o sábado 1 de marzo. Os seus organizadores, que xa comezaron a traballar, contan celebrar o segundo día un desfile de cabezudos pola mañá. Este ano podería traer sorpresas, posto que contan colaborar coa mestra de teatro Cristina Collazo, que vén de estrear unha obra sobre a feria local. Pola tarde, será o desfile de máscaras encabezado polos xenerais. A idea é volver facer o Alto infantil, previamente ao dos adultos.

Couso. Esta parroquia estradense celebrará o seu Entroido o domingo 2 de marzo, segundo confirmaron onte fontes do Concello de A Estrada vinculadas á organización destes festexos. A tradición dos 'Vivas' tamén está moi arraigada en Couso, una das parroquias que loita por manter as costumes neste eido. Os seus xenerais tamén participarán nos actos previstos días despois na vila.

A Estrada. Xa é costume que o Martes de Entroido o casco urbán estradense sexa 'tomado' por correos, xenerais e centinelas. Este ano non será menos e aínda que o programa non está pechado, técnicos municipais confirman que haberá festexos o día 4 de marzo coa participación, cando menos, dos xenerais de Couso, se ben non descartan a presencia de representantes doutras parroquias da localidade. Cabe lembrar que a Asociación Estradense Entroido da Ulla, na que estaban presentes Arnois, Loimil, Riobó, Berres, Ribeira, Moreira, Santeles, Santa Cristina de Vea, Cora, Couso, San Xurxo de Vea, Matalobos, Toedo, Callobre e Guimarei, disolveuse o pasado mes de decembro para evitar duplicidades coa actuación do departamento municipal de Cultura.

Salgueiros. O calendario festivo da zona pecharase coas máscaras e os cabaleiros que acudan a esta parroquia cruceña o domingo 9 de marzo. Neste caso, os veciños aínda non se puxeron mans á obra para preparar as actividades, pero si confirman que volverán encher a tarde dominical de humor. Terán o habitual Alto dos Xenerais e non faltarán os versos dos oradores, os mouros, os frades e a figura do alcalde coas súas parodias. A entidade que asume a organización é a Asociación de Veciños Amigos de Salgueiros.

Piloño. Tralo parón do ano pasado, esta parroquia de Vila de Cruces aínda ten por decidir se esta edición recupera o seu Entroido. A falta de relevo xeracional e a falta de xente que colabore na organización son os principais atrancos que afronta.

Dornelas. Tampouco nesta ocasión os xenerais desta parroquia silledense darán os vivas, igualmente, debido á falta de voluntarios. Porén, si cederán traxes para unha exposición sobre o Entroido da Ulla que se organiza en Santiago de Compostela para a súa promoción e conservación.