O 26 de decembro, aproveitando o aloveado matinal, a tropa dos Gosende abandonou os cuarteis de Pontevedra para, como decote, internarse na fragosa Terra de Montes. Fixemos o primeiro pouso en "O Espigueiro", no Coteliño (Cerdedo), pois, o organismo demandaba recuncar na cafeína. Como non podía ser doutro xeito, o compango da cafeína foi a nicotina. Toda axuda é pouca para enfrontar con ánimo a crúa realidade. Na prensa do día, anunciábase a bombo e prato a reactivación do proxecto do AVE por Cerdedo. Que pouco dura a ledicia na casa do probe!

Cadaquen foi apazugando os seus "monos" e, coa mesma, reemprendemos a marcha en dirección á aldea da Mámoa (Castrelo), onde, como saben, nos temos demorado un bocadiño estes días.

Gravado rupestre

Foi no faladoiro dos mércores, ao abeiro dos soportais do Eirado da Leña, cando, algún dos Gosende, dotado de móbil con conexión a internet, propuxo volver sobre o terreo para comprobar unha premonición. O gravado rupestre tiña que estar aí, non había dúbida... Canto toxo levamos papado por mor dos presentimentos de alguén!

O Campo das Antas recibiunos esfumado nunha néboa mesta e corriqueira. Ora vexo o burro, ora non o vexo. Nas gabias, aínda se apiñocaba o pedrazo da noite. Dedicámoslle outras dúas horas á busca, sen recompensa. É ben certo, coa friaxe, os petróglifos acachoupan, non saen do tobo.

A cada pouco, a borraxeira translucía un relampo e, a seguir, o ceo arreguizaba nun tronar sostido, roufeño. Andan os zoqueiros por riba! Co ben que estariamos sorbendo outro café, aínda que fose á intemperie (consolo de fumador).

Mentres nos retirabamos cara ao automóbil, silandeiros e aterecidos, non puiden evitar pensar no que se lles vén enriba aos veciños da Mámoa. O parque eólico do monte do Seixo, ben coñecido por nós, está inzado de sinaladores de advertencia nos que, entre outros agoiros, se pode ler: "Visitante: Un parque eólico é unha instalación industrial eléctrica. No caso de tormentas, a permanencia de persoas xunta os aeroxeradores non é aconsellábel debido ao risco de caída de raios" ou "Precaución: Posíbel desprendemento do xeo das aspas. Non permanecer nun raio de 120 metros dos aeroxeradores. En caso de tormenta, abandonar inmediatamente o parque"... As imaxes da capela da Virxe da Barca (Muxía) devorada polas lapas no albor do Nadal viñéronseme aos ollos.

Daquela, como farán os da Mámoa cando lles instalen os sete aeroxeradores eléctricos de 120 metros de altura a 300 metros das súas vivendas? Sen ir máis lonxe, as torres do monte do Seixo só acadan os 60 metros e a aldea máis achegada é Fontegrande (Presqueiras-Forcarei), situada a uns 780 metros dunha das tarabelas. Coñecidos os algarismos, se calculamos unha inxel regra de tres, o resultado é para botarse a tremer.

Non nos poñamos catastrofistas. A solución é doada, así que se vente a treboada, métanse catro cousas nunha maleta e todos para a Casa do Concello de Forcarei que, ben seguro, ha ter pararraios.

Vanme perdoar, mais, a conxuntura tamén me fixo lembrar un conto dos moitos cos que me agasallan en Cerdedo. Velaí vai. Ao parecer, unha noite de inverno, a torboada asañouse co campanario da igrexa parroquial. Na taberna, dous paisanos porfiaban por determinar a actuación máis conveniente no caso de sobrevir o raio e a chispa (os meteorólogos falan de "aparato eléctrico"). Un deles avogou por queimar na lareira o tallo de Nadal ou o loureiro de Ramos. O outro, polo rezo devoto a santa Bárbara. Un terceiro que, aínda que non participaba na retesía, tiña a orella posta, retrucou: Que rezarlle a Deus, que rezarlle a Deus...; nin tan sequera ten conta do seu, vai ter conta do noso! Non mo tomen a mal, os de Cerdedo somos o demo.

Por outra banda, se algún dos veciños da Mámoa tiña en mentes probar fortuna co negocio do turismo rural, que se vaia esquecendo, a menos, que promocione as súas instalacións como hospedaxe para aventureiros e deportistas de risco. Surrealista.

O muíño da Pontapedre

Pertiño como estabamos de Codeseda (A Estrada), decidimos cumprir outro dos nosos obxectivos: dar co muíño da Pontapedre. O muíño da Pontapedre (ou de Sieiro), construído en orixe á beira do río Lérez de Cerdedo, ao pé da ponte e camiño que comunican as aldeas de Pedre e O Serrapio, foi trasladado pedra a pedra no ano 1986 (ou 87) até a beira do río Umia, ás proximidades do lugar de Marcenlos.

As operacións de compra e relocalización amparáronse no inminente asolagamento daquela ribeira, decretado por Fenosa e o seu proxecto de construción dun macroencoro en Dorna (Cotobade) que, felizmente, non callou. O muíño da Pontapedre, maquieiro de catro moas, voou de Cerdedo deica A Estrada en troco dunhas 250.000 ou 300.000 pesetas.

Consúltese, verbo do particular, o xornal Diario de Pontevedra do 6 e do 23 de decembro de 1987. Na edición do día 6, achégase unha reprodución do alzado do muíño da autoría de J. Ángel Canaval Chamosa. O propio Canaval engade: "las autoridades municipales de Cerdedo, encabezadas por su alcalde, el Sr. Jorge Caramés, con la abulia y desidia que le caracterizan a la hora de salvaguardar el patrimonio cultural del mismo, han propiciado que se pierda definitivamente para Cerdedo el molino de O Serrapio". - sen deixar monicreque con cabeza: "los propios vecinos de Cerdedo, con su silencio cómplice, avalan este tipo de actitudes".

O colectivo Capitán Gosende atopou o muíño, hoxe transformado en vivenda, no seu novo enderezo. Como ben apuntaron en Codeseda, o deseño actual do edificio difire un chisco do orixinal, mais é perfectamente recoñecíbel.

Malia o respecto debido á propiedade privada, o colectivo Capitán Gosende pensa en alto e, magoándose daquel baleiro legal, solicita a devolución do muíño á súa primitiva localización, posto que, a carón da ponte medieval de Pedre, constituía un dos conxuntos arquitectónicos e etnográficos máis valiosos do concello de Cerdedo.

A ermida da Santa Lucía

Non todo ían ser desgustos. Xa de volta por Tomonde e Figueiroa, reparamos á nosa esquerda na capela da Santa Lucía. O arboredo, desprovisto da folla, facilitou o noso apercibimento. Era evidente que se fixeran reformas na ermida que os Gosende visitaramos a finais de outubro de 2012. Froito daquela paseata, publicamos en Faro de Vigo (29-10-2012) un artigo titulado "Da Santa Lucía ao castro das Cercas" que se introducía coa seguinte entradiña: "A ermida dátase no século XVIII e aféase na actualidade cun soportal arcado construído con bloque recebado". A seguir, precisábase: "O edificio de planta rectangular, paredes de boa cachotaría e cuberta a dúas augas, aféase, na actualidade, cun soportal arcado, tamén a dúas augas, que prolonga a construción cara ao poñente (intervención de finais da década dos 50 do pásado século). O soportal, construído con bloque recebado, amais de aldraxar a capela, pon en perigo a integridade física -tamén a psíquica- dos visitantes, pois a profusión de gretas e o seu apontoamento advirten que a estrutura pode vir abaixo nun dicir amén".

Sen demora, descendemos pola estradiña e estacionamos ao agocho da carballeira. A capela da Santa Lucía, libre de chafalladas, mostraba a súa primitiva esvelteza. Albízaras! Cumpriría agora exhumar o pedestal do cruceiro para devolverlle o seu porte lanzal e talar os eucaliptos da contorna.

Descoñecemos os promotores da remodelación, mais, non podemos senón felicitalos e felicitármonos pola decisión tomada. A capela da Santa Lucía loce, na actualidade, todo o seu humilde esplendor. Algo se moveu en Cerdedo, e os Gosende devecemos polo cambio. Que se propague o exemplo.