-Que proxección está a ter a cultura galega no Xapón?

-Trasladar a novela ao Xapón é difícil, aínda hai moi pouca información sobre Galicia. Despois de rematar a tradución teño que buscar algunha editorial que ma publique, que vai ser máis complicado que a tradución en si. O que traduciu Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (Takekazu Asaka), por exemplo, é o único filólogo galego no Xapón. Aínda queda moito por facer desde a investigación, desde o ámbito académico.

-Que outros proxectos ten?

-De momento, o meu tema de traballo académico son os eventos culturais coma Pardiñas, que teñen ao mellor trinta ou vinte anos de historia. Nos 70, polo cambio de sociedade, empezaron a medrar este tipo de eventos. Algúns xa se converteron en tradición: os nenos de Pardiñas, que xa naceron coa festa e medraron con ela, son agora organizadores. Son novas tradicións que foron xurdindo. Interésame como se van adaptando á sociedade conservando ao tempo a identidade cultural.

-Hai paralelismos coa cultura xaponesa?

-No Xapón hai moita concentración urbanística, máis drástica que aquí. A poboación está a concentrarse en Tokio e Osaka, estamos perdendo as comunidades tradicionais, e iso é algo moi lamentable. Antes si que existían aldeas que mantiñan a súa identidade cultural, pero agora, a quen vive na cidade non lle interesa nada manter a súa tradición. Os nenos medran con internet e videoxogos, manexando o Smartphone. Aquí tamén pasa, pero en menor medida. A través da situación de aquí podo reflexionar sobre o meu país. Nese sentido teño moita esperanza na xente nova, que viaxe e aprenda. - está habendo un intercambio frutífero entre universitarios galegos e xaponeses, a través da asociación Galicia+Xapón.