De norte a sur, a Veiga dos Muíños exhibe a magnífica arquitectura do muíño do Santés: maquieiro, de dorna e dúas moas. Uns metros presa abaixo, batemos co muíño dos Ranchelos: muíño de calexa, dotado de dúas moas independentes. Após, atopamos o maxestoso complexo fabril da serra de Rosende: a monumental edificación acollía dúas moas fariñeiras e un serradoiro hidráulico. O cuarto muíño noméase muíño dos Netos: rexistrado no Catastro de Ensenada, o muíño, de calexa, provese dunha moa. Xa no cabo da presa, érguese o muíño do Coxo: muíño roulón de cubo.

Nun tramo de 250 m, alíñanse, pois, cinco muíños de boa cachotaría e cuberta a dúas augas, presentando todas as tipoloxías (dorna, canle e cubo), complementos e adobíos característicos dos muíños de río. Que máis se pode pedir?

Velaquí, o verdadeiro Museo da Pedra de Cerdedo. Sintámonos orgullosos do noso pasado, racionalicemos a moda de encortellar a cultura. Todo o que, en Cerdedo, posúe mérito abondo para ser musealizado xa dispón do magno e rendíbel edificio da natureza. Ten a recesión que seguir pateándonos o cu para que, por fin, caiamos na conta?