Interviu na concepción de O Cacharelo, novo personaxe do entroido do barrio lalinense. Luis Iglesias, Luchi para todo o mundo, o novo presidente da Asociación Cultural O Naranxo inspirouse no cadro Mascarón de Laxeiro, pintado no 1934, para crear a máscara que lucirán os sete veciños de A Cacharela que sairán á rúa a animar a festa e botar fariña aos que non estean disfrazados. O recén elixido responsable da agrupación cultural rexeita o protagonismo do cargo porque se sente moi arroupado polos seus compañeiros da nova xunta directiva.

-Como se chega a ser presidente de O Naranxo?

-A verdade é que nunca fun socio do Naranxo. Empecei a colaborar con eles, e foi cando me fixeron socio de honra. Coido que pensaron en min porque cumpro o perfil que andaban a buscar.

-Cales son esos requisitos que cumple para dirixir a asociación cultural?

-Dou o perfil de persoa de unión e dialogante que buscaban. Agradezo motísimo a confianza que depositan en min para nomearme presidente do Naranxo, algo que me gratificou moito cando sucedeu. Teño claro que hai que ter unha cabeza visible na directiva pero eu sono dun equipo moi cohesionado, que estamos a traballar xa a prol da cultura.

-En que se vai notar ese tono dialogante do novo presidente?

-Gústame a palabra sumar; sumar esforzos, ilusión, adicación e traballo para crear unha rede asociativa coa que colaborar cos outros colectivos culturais de Lalín. Trataríase de crear un vínculo entre todos para colaborar na dinamización do eido cultural.

-Ou sexa, centralizar a oferta cultural, digamos, ‘privada’ no pobo de Lalín?

-Máis ou menos. Hai que ter en conta que a actividade cultural está moi diseminada, sen unha referencia clara que a aglutine. A ver se conseguimos levantar unha plataforma na que entre xente con inquedanzas e, por suposto, disposta a axudar e botar unha man. Estaría ben, tamén, facer un calendario anual conxunto con eventos de todas as asociacións e estar receptivos á xente que queira propoñer alternativas culturais válidas.

-Ás veces semella que a oferta cultural de Lalín non é o suficientemente atractiva como para chamar á xente. Por que pensa que pode pasar isto?

-E certo que ás veces pasa, pero por iso queremos tentar mudar esa tendencia a base de perseverancia, porque nós disfrutamos facendo este traballo e iso ten que verse reflexado na sociedade. Temos que conseguir chegar ao público consumidor de cultura mediante novos parámetros de filosofía e de ideas.

-Que opinión lle merece a oferta cultural procedente dos estamentos oficiais?

-Penso que é un pouco pobre, moi deslabazada e feita sen ningún criterio. Está un pouco collida por alfileres, pero son optimista porque vexo potencial a nivel individual, e tamén industrial, nun pobo como Lalín. Para nós, o primeiro, unha vez que tomamos posesión ao frente da directiva, foi sacar adiante o Entroido pero, como dixen antes, pronto traballaremos nos dous sensos de botar adiante unha programación anual a xeito e estar receptivos a crear esa rede cultural coas demais asociacións.

-O Naranxo tamén sufriu a a crise que supuxo a falla de socios dentro do colecito. Que van facer para recuperalos?

-Isa é unha das cousas que temos que mirar en profundidade unha vez que pasen estas datas do entroido porque é algo que temos que arranxar con urxencia. É certo que se deron de baixa moitos socios no Naranxo, sobre todo os máis antigos. O que temos pensado facer é convidalos para que renoven o seu carné. Tamén está previsto tentar captar novos socios. Despois do Entroido decidiremos se cobrar cotas o, polo contrario, facelo de balde.

-Que tal se atopa cos compañeiros de directiva?

-Estou moi contento con toda a xente que me acompaña nesta andaina á fronte da asociación. Tanto Miriam como Javier Cuiña ou Jimmy Blanco son unha xente que están a amosar as gañas co as que traballan a prol do Naranxo.