18 de enero de 2010
18.01.2010
Faro de Vigo
JUAN MANUEL EIRAS TOJO - Músico finalista do segundo Concurso de Composición

"O tema ´Auga Levada´ fai referencia ás miñas lembranzas infantís na Agolada"

"Agora a música xa se considera unha profesión, pero esixe moita mobilidade"

18.01.2010 | 07:30
Juan Manuel Eiras Tojo naceu en Vigo en 1977, fillo de pai agoladense e nai viguesa. Comezou a estudar órgano aos cinco anos, aínda que despois tamén se formou en solfeo e piano. Actualmente dá clases de composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Aínda que naceu en Vigo hai 32 anos, Juan Manuel Eiras Tojo sempre gardou un profundo vínculo coa terra do seu pai, Agolada, ata o punto de que este topónimo é o título da peza coa que quedou como finalista no segundo Certame de Composición na sección de bandas de música, por detrás de Antón Alcalde Rodríguez, que gañou o concurso con "Pórtico".

–Era a primeira vez que se presentaba a un certame de música para bandas. Como valora a experiencia?

–Pois dun xeito moi positivo, porque son totalmente neófito neste aspecto. O que me impulsou a crear un tema para bandas foi que este tipo de música chega a moita máis xente e que ademais a orquestración cambia moito en comparación cun tema de música culta. Hoxe en día hai moitísimas bandas e tan só dúas orquestras, de xeito que a música culta chega con máis dificultades ao público. Neste sentido, quero destacar o traballo do director da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalabe, que se interesa moito polas composicións para bandas.

–"Auga Levada" estreouse o pasado 30 de decembro nun concerto no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e será un dos temas obrigados para o próximo Certame Galego de Bandas. Con que se atopará o público?

–Con nove minutos de músico no que se misturan dous mundos, o da miña infancia e o contemporáneo. Así, recurro ás miñas primeiras lembranzas de Agolada, onde adoitábamos pasar os verán e máis as festas de Nadal. Lembro cómo de neno acudíamos aos concertos da banda e de grupos folclóricos, así que misturo esta música de raíz cun estilo máis achegado á vangarda.

–Quizais algún día a Banda de Agolada toque este tema seu...

–Pois non o descarto. Insisto en que son un neófito neste campo, pero sei que esta formación ten xente moi nova e que ten colleitado varios éxitos nos certames aos que se presenta.

–Sen embargo, hai que aclarar que non é a primeira peza musical que lle adica á terra dos seus devanceiros.

–É certo, pois como compositor de música culta fixen "Enerxías renovables Op.2", no que inclúo tres movementos que levan por título outros tantos topónimos agoladenses: As Brañas, Tras da Costa e Na Revolta. Co grupo Malvela tamén temos interpretado a "Xota para Agolada".

–Vexo que a relación coa súa terra de orixe é moi intensa, aínda que sexa na distancia.

–Así é. O certo é que agora vou menos que cando era neno, sobre todo por motivos laborais, pero alí aínda viven o meu abó paterno e un tío, e é normal que garde as miñas raíces.

–Fala vostede de varias colaboracións con Malvela. Está máis centrado na música folclórica?

–Non, aínda que o certo é que con Malvela temos editado varios traballos como "O Aghinaldo" ou "Que o pano non me namora". Outra formación coa que tamén teño traballado é Irtio, no disco "Mar de pedra" ou no décimo Certame galego de Música Folk.

–Vostede é compositor, produtor, arranxista e incluso músico. Con que se queda?

–Penso que son mellor compositor que instrumentista, máis que nada porque chega un momento na música, igual que en moitas profesións, tés que escoller. Eu comecei a estudar órgano aos cinco anos, aínda que despois tamén recibín clases de solfeo e de piano. Hoxe en día tamén teño coñecementos de acordeón e percusión.

–Con este excelente currículo, é evidente que a música xa pode considerarse unha profesión e non un hobby, nonsi?

–Dende logo,hai anos que a música xa é un traballo como outro calquera, co plus de que precisas moita mobilidade para formarte. Por iso, neste mundo é moi frecuente que os músicos teñamos que pasar tempadas noutras cidades como Zaragoza, Madrid ou Porto, que tén moi bo nivel, para continuar mellorando ao longo da vida.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia