Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vilanova elixe entre continuidade ou cambio

Situación económica, traballo ou o futuro do polígono centran o debate no municipio

Gonzalo Durán ante o lugar no que naceu Vilanova de Arousa. // N. P.

Hai 24 anos, chegaba á Alcaldía o popular Gonzalo Durán, un lugar que non volveu a ver en risco tralas sucesivas eleccións que se foron celebrando nos últimos anos, incluso, cando concurrían varias candidaturas de independentes. Nesta ocasión, o obxectivo é o mesmo, ainda que a oposición movilizouse para impulsar o cambio, apelando á necesidade de acabar coa forma de facer política do actual alcalde.

-Que lles levou a encabezar unha candidatura ás eleccións municipais.

- Gonzalo Durán: A situación de declive que vivía o Concello de Vilanova desde os anos 70 e coa intención de endereitala, algo que creo que conseguimos. Ademais, somos nós, que aportamos serenidade e proxectos, ou unha pandilla na que cada un se mirará o seu embigo sen preocuparlle os veciños.

- Javier Dios: Levoume a encabezar a candidatura do PSdG-PSOE de Vilanova o convencimento de ser mellor xestor que o actual alcalde, que só se preocupa polos seus intereses e ten o pobo arruinado. Tamén inflúe estar arroupado por unha candidatura de xente ilusionada, responsables e capacitada para sacarnos da nefasta situación na que se atopa.

- Noelia Valle: Sobre todo influiu a elección dos meus compañeiros e a confianza que teñen depositada en min. E tamén, o desexo de asumir o reto de que Vilanova se desfaga da política caciquil e rancia que leva afundindo o Concello durante 24 anos. Se antes a xente levaba no un Nokia 3320 e agora leva un smartphone porque se evolucionou para mellor, deberiamos aplicalo tamén á política.

- Elena Cores: Desde que era nena sempre vin inxustizas e os mesmos problemas ano tras ano. Visto que os políticos non resolvían os problemas da xente, tiña que ser a propia xente quen nos enfrentásemos a esas elites políticas para defender os nosos dereitos, moitos deles xa arrebatados coa crise. Sempre dixen se ti non fas política eles farana por ti.

-¿Que lles pode ofrecer a súa formación a Vilanova?

- G. D.: O que vimos amosando. Collemos un Concello no vagón de cola da comarca en servizos e calidade de vida e convertémolo nun dos que máis servizos ofrece, moitos de forma gratuita. Os proxectos de futuro que ofrecemos marcarán Vilanova pola súa aposta clara polo benestar e os servizos sociais.

- J. D.: A nosa prioridade son as persoas, precisamos un Concello con cara amable que saiba tratar aos veciños, que sirva para resolver problemas e non para crealos, e que as persoas teñan o convencimiento de que o Concello serve para facer valer os seus dereitos e non como ata o de agora, un lugar para ir pedir favores.

- N.V: Honestidade, e sobre todo, xente con principios e ideas claras, que traballa para todas as persoas por igual. Que aposta por un desenvolvemento pleno, sen sacrificar o noso medio nin pisar a ninguén.

- E.C.: Políticas construtivas que solucionen problemas reais da xente. Temos un exemplo moi claro que aínda estando na oposición conseguimos paralizar a orde de peche da residencia Valle-Inclán, conseguimos airear a débeda de Vilanova para que todo veciño saiba canto debemos e as nefastas políticas en cuestión económica que está a levar Durán e o PP, que só goberna para uns poucos.

-Se os resultados o converten en alcalde/alcaldesa o 26-M ¿Cal sería a súa primeira decisión?

- G.D.: Pór en marcha máis políticas sociais, de protección da saúde e de coidado dos nosos maiores e da xente nova.

- J.D.: Encargaremos unha auditoría para saber o por que o Concello está tan arruinado que incluso periga a sua propia existencia. Nos últimos 4 anos, en todo o mandato, non se aprobou nin un so orzamento, algo totalmente inaudito.

- N. V..: Unha auditoría das contas, para que os veciños saiban qué se fixo cos seus cartos. Primeiro, porque estamos en contacto coa xente, sabemos que merecen esa resposta e segundo porque é o coherente.

- E. C.: Sería económica reducindo os salarios da corporación ata preto dos 600.000 euros no mandato, porque non pode caír sobre os veciños todo o peso da débeda do Concello. Outra medida inmediata é abrir portas e ventanas para que todos os veciños saiban o que se fai, se debate e se traballa dentro do Concello. Ofrecer transparencia na xestión.

-Que proxectos ten o seu partido para impulsar o desenvolvemento de Vilanova?

- G. D.: Apostar pola formación e pola cualificación dos traballadores para crear emprego e subir os salarios. É importante potenciar a acuicultura, a agricultura e as industrias transformadoras que teñen que ser os motores económicos. Tamén continuar coa promoción turística, un sector que medrou moito nos últimos 10 anos.

- J. D.: Fortalecer o turismo, encher o polígono de Baión, e darlle un pulo ás actividades primarias, e axudas os emprendedores. Vilanova ten unha riqueza extraordinaria que non está sendo aproveitada.

- N. V.: Principalmente, buscamos afianzar e desenvolver os sectores agroforestal e mariño. Priorizando os nosos produtos autóctonos (coma o pemento de Vilanova e o repolo de Corón, entre e outros).

- E. C.: No ámbito económico, desenvolvemento do polígono, ofrecerlle saída ás Pemes para que poidan exportar os seus produtos e respaldar aos autónomos, ademais de dinamizar os sectores primarios. No ámbito turístico e cultural, queremos botar man do noso patrimonio como vila literaria, ademais de unificar azona de interior e de costa con sendas peonís e ciclables para que se poida disfrutar de Vilanova en cada estación do ano.

-Unha das cousas que máis se ten cuestionado durante estes anos é a situación económica do Concello. ¿Cal é e como se pode resolver?

- G. D.: Como se está a facer nestes momentos, xa que levamos varios anos baixando a débeda, contendo o gasto, subindo a eficiencia dos servizos e, todo iso, cos impostos máis baixos da comarca.

- J. D.: Cal é a situación o determinará a auditoría que se faga e valoraremos a posibilidade de esixir responsabilidades. Temos claro que non se poden subir mais os impostos porque os vilanoveses xa están afogados pola carga fiscal que soportan, así que terá que ir eliminándose a débeda polo lado do gasto. Este Concello non pode tolerar ter un gabinete do Alcalde cun custo de 250.000 euros anuais.

- N. V.: A situación do Concello é vergoñenta, nefasta, con máis de 1.000 euros de débeda por habitante. Temos uns veciños que son moi traballadores, recusos envidiables e non debemos desesperar, simplemente elaborar un proxecto á medida do Concello e enfocar nos sectores primarios e coidar do noso comercio local. Temos o exemplo de Bueu que pasou polo mesmo e grazas ao goberno do BNG xa liquidaron a débeda que arrastraban.

- E. C.: A situación económica das arcas do Concello é moi delicada, a débeda é moi alta para unha vila de non mais de 10.300 persoas con alto índice de parados. Prantexamos no Concello que o alcalde e o grupo de goberno tiñan que rebaixar o salario e prescindir das dúas persoas de confianza do alcalde que están cobrando uns 2.500 euros ao mes. Foi rexeitada polo alcalde, algo que amosa que os veciños pouco lle importan e non vai rañar o bolsillo para chegar a final de mes. Esta medida aforraríalle ao concello e aos bolsillos dos veciños, que tiveron que ver como subía a urbana, un aforro de case 600.000 euros nun mandato.

-Cun polígono industrial case vacío ¿Que se pode facer para que Baión sexa ese motor de desenvolvemento que se agardaba?

- G. D.: O polígono ten unha ubicación excepcional, o problema son os altos prezos dos terreos. Hai que lembrar que, para a nosa desgraza, as parcelas son propiedade do Estado central, nestes momentos nas mans socialistas, algo que creo que non nos vai beneficiar.

- J. D.: Antes de nada terei unha reunión coa xerente do Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), dependente do Ministerio de Fomento, e dende hai uns meses en mans do Goberno de Pedro Sánchez, para determinar en que situación se atopa para darlle o impulso necesario.

- N. V.: Promocionalo, facerlle ver ás empresas que está moi ben situado, e facilitarlle os trámites necesarios para a súa implantanción baixando o prezo das parcelas. Que as empresas vexan que desde o concello se fai todo para que poidan instalarse nel e bonificando aos novos emprendedores entre outras medidas.

- E. C.: O primeiro será abaratar o solo para facelo asequible e que as empresas se asenten en Vilanova, debemos proporcionar unhas condicións similares a Portugal para que as empresas non se vaian dada a proximidade con este país.

-A adquisición de Vista Real foi un fito para o Concello ¿Que se pode facer para asúa dinamización?

- G.D.: Vista Real é, neste momento, o centro de formación municipal máis destacado, non só de Vilanova, tamén da comarca. Alí impártense cursos de formación moi importantes.Nunca houbo un referente así no Salnés e é unha mostra máis da transformación que impulsou este goberno. Imos a potencialo e amplialo xa que, pese ao seu tamaño, queda insuficiente. Tamén esperamos ubicar alí un centro de día.

- J. D.: Vista Real adquiriuse a raíz da moción que presentou o concelleiro socialista Manuel Álvarez Eirea. O obxectivo era convertilo nun centro de día, nun espazo para as persoas maiores. Incluso houbo acordo plenario para iso, con visita da conselleira de servicios sociais da Xunta incluida, pero para Gonzalo Durán a prioridade non son as persoas. Vista Real será un magnífico punto para que os nosos maiores disfruten.

- N. V.: É o lugar idóneo para facer un centro de día con tódos os especialistas cualificados que os nosos maiores se merecen. Tamén para promover actividades relacionadas co medio ambiente, ao ter unha gran finca que se pode aproveitar para actividades agrícolas.

- E. C.: Un fito é algo que se consegue con traballo para un fin, desde logo para a nosa organización non foi unha boa compra, máxime cando tiña un informe de intervención onde non se aconsellaba a súa adquisición porque ía ser unha gran carga económica para o Concello. Pero non estábamos daquela nin tiñamos pinta de existir, pero foron cousas coma esas as que nos levaron a saír das nosas casas e facer política de verdade, hai que ser realistas e honestos

Compartir el artículo

stats