A liña programática do BNG do Grove inclúe propostas tan chamativas como a eliminación do vello pavillón polideportivo de Monte da Vila para construir un aparcadoiro no seu sitio, e despois levantar enriba unhas novas instalación deportivas.

O que quere exactamente o equipo de Heladio Outeiro é "un reacondicionamento dos viais circundantes do pavillón vello e a creación dun gran aparcadoiro empregando a planta desas instalacións, construindo despois un novo pavillón enriba do aparcadoiro e dotándoo de ximnasio, vestiarios, gradas, oficinas e almacéns para os diferentes clubes".

Porto pesqueiro no Corgo

E só unha das ideas que defenden os nacionalistas mecos nesta campaña, na que tamén prantexan "instar á Xunta para que constrúa un novo porto pesqueiro na zona do Corgo, coas modernidades e comodidades que debe ter", e a "mpliación do dique de abrigo de Porto Meloxo, contando coa inxeniería necesaria para conservar os bancos marisqueiros existentes".

O BNG defende tamén a "promoción e concienciación da necesidade do compostaxe para o cumprimento das normativas europeas e o mantemento do noso ecosistema"; a "apertura dunha nova estrada dende a rúa Xoán XXIII, no alto de Borreiros, ata o pavillón novo e mailo campo de fútbol"; e "unha bolsa de baixos comerciais a prezos estipulados por metro cadrado para o fomento do emprendemento e a xeración de postos de traballo e actividade económica".

Pódese engadir a "creación e posta en valor dunha ruta dos muíños para a promoción turística durante todo o ano, a conservación dos castros existentes; a búsqueda de financiamento para a musealización e conservación de Adro Vello; e a recuperación e potenciación da Escola de Hostalería".