Ultimamente parece que en Ribadumia todos somos contrabandistas ou da mafia. Nada máis lonxe da realidade. Co gallo do 25N, quero falarvos do que está facendo moita xente no meu Concello. Comezando polo comercio local, activo e comprometido cun asunto que non lles repercute un solo euro, pero si lles dá dignidade. As e os nosos comerciantes e hostaleiros sumáronse decididamente á campaña de Servizos Sociais para o 25N xa no 2017, pero foron máis aló dese día e manteñen visibles os carteis rexeitando a violencia todo o ano. Ademais, uníronse ao plan "Conta Comigo Ribadumia", e converteron os seus locais en puntos seguros onde as posibles vítimas atopen información e as que vivan nese calvario vexan que non están soas e que teñen onde pedir consello ou mesmo axuda. Pero non so participa o comercio nesta loita. Un grupo de persoas tamén se uniu a ese plan de apoio, e agora temos un corpo de voluntariado que vai axudar as vítimas en moitas situacións difíciles. Outro grupo de mulleres creou en Ribadumia no 2015 ESMAR, a única asociación de apoio ás vítimas de violencia de xénero da comarca. Unha entidade que axuda as vítimas, pero que tamén loita por facilitarlle a vida a todas as mulleres, vítimas ou non, como demostran coa súa campaña en prol de conseguir un Punto de Encontro Familiar. E hai máis. Por que en Ribadumia tamén temos a Gotas, entidade única na comarca, que traballa en prol da diversidade; xente moza pero con gañas de aportar valores positivos á sociedade, como están amosando coa súa escola de valores. Pola miña banda, como concelleiro de política social, estou moi orgulloso das medidas que tomamos, e agradecido pola boa aceptación que reciben, pero como veciño estou moito máis orgulloso de todas esas persoas, comerciantes, voluntariado, as que aportan dende as asociacións e entidades, e moita xente anónima, do común, que da a cara e participa nunha loita que é de todas e de todos, e que cada día pon o seu granciño, realizando e participando nas actividades, rexeitando a violencia, reaccionando ante determinadas actitudes, axudando. En Ribadumia conseguimos que a loita teña lugar cada día do ano grazas a persoas exemplares, a maioría das cales non sae nunca na prensa. A todas elas, grazas.