Unha benvida deturpada a Sanxenxo prende a polémica toponímica

A asociación Hablamos Español coloca un panel cun 'Sangenjo' en gran tamaño nun hipermercado da vila

Cartel de Hablamos Español

Cartel de Hablamos Español / A Mesa pola Normalización Lingüística

Volve a polémica polo topónimo deturpado de Sanxenxo. Esta vez non foi a RAE, como durante a última visita do rei emérito á ría de Pontevedra, senón a asociación Hablamos Español. Esta agrupación, que di defender os dereitos lingüísticos dos hispanofalantes, vén de colocar un cartel publicitario de grandes dimensións co nome (mal) castelanizado da vila.

"Bienvenidos a Sangenjo, ciudad que en gallego se llama Sanxenxo", di a publicidade, ubicada no recinto do no hipermercado Alcampo, aberto hai dúas semanas. A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou á cadea francesa que retirase o cartel, que, se cadra por casualidade, utiliza un azul de fondo que lembra ao beef das augas. A media tarde xa o quitaran.

"Ofensivo o panel co que se encontou este tarde a veciñanza de Sanxenxo. Veñen de fóra a dicirnos como temos que falar e como debemos chamar aos nosos lugares. Unha provocación e un ataque á nosa toponimia", protestou a entidade.

Un dos puntos básico nas reivindicacións de Hablamos Español é que os "topónimos en español de larga tradición" volvan ser oficiais. Non é o caso de Sanxenxo. A raíz dunha polémica similar en 2018, a integrante da Real Academia Galega Luz Méndez, experta en toponimia, publicou un detallado artigo para rebater a idea de que "Sangenjo" é unha forma "tradicional", como esgrime a RAE. O nome deriva de Sanctum Genesium, que en galego deu en San Xes, San Xens e Sanxenxo. E en español, en San Ginés.