O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deron a coñecer onte os detalles da exposición “Orixes”. Trátase dunha mostra composta por máis de vinte esculturas e obras desenvoltas por un total de quince artesáns que nalgún momento formaron parte da Escola de Canteiros. A colección permanecerá aberta nos claustros do Mosteiro de San Xoán desde o vindeiro 5 de febreiro ata o 23 de abril.

No acto estiveron presentes representantes da Asociación Canteiros de Poio e o pai superior Arsenio Rodríguez. Tal e como explicaron o rexedor e a edil, esta iniciativa xorde co obxectivo de “dar a visibilidade que merece e poñer en valor o labor que desenvolven as persoas que se formaron na Escola de Canteiros, un dos grande símbolos do noso concello e do cal xurdiron grandes artistas e profesionais”. Neste sentido, Rodríguez Alonso lembrou que das instalacións situadas na parroquia de San Salvador saíron “profesionais que participaron no desenvolvemento de obras de gran calada ao longo de todo o mundo, desde Brasil ata Nicaragua, pasando por Nova Iorque ou A Habana. Tampouco podemos esquecer a quen traballou en labores de restauración no Capitolio, na Sagrada Familia ou na Catedral de Santiago”.

Alejandro Muelle Martínez, Rodrigo García Giráldez, José Rocha Pérez, José Manuel Sancho Rodríguez, Marcos Juncal, Emilio José González Martínez, Óscar Sineiro Torres, César Dapena Pichel, Áurea Díaz Vázquez, Marcos Ferradás García, Esther Veiga Rodríguez, Manuel Varela Álvarez, Manuel Sestelo Rodríguez, Laura Rodríguez, “Guada’” Mario Valles Castro, Santiago Quevedo Castro e Javier Diéguez Mosquera son os autores das pezas escollidas para a exposición "Orixes".

Esta iniciativa xorde co obxectivo de “dar a visibilidade que merece e poñer en valor o labor que desenvolven as persoas que se formaron na Escola de Canteiros, un dos grande símbolos do noso concello e do cal xurdiron grandes artistas e profesionais”

Son moitos os e as artesáns da pedra que saíron do centro poiense e que foron quen de gañar varios premios, participar noutras mostras e, en definitiva, obter un máis que merecido recoñecemento público, polo que para nós é un orgullo poder impulsar esta iniciativa”, indicou a titular de Cultura, que expresou tamén o seu agradecemento ao Mosteiro por colaborar cedendo as instalacións para a mostra, así como á Deputación de Pontevedra pola achega de material para a montaxe da colección.

A elección do nome desta exposición non é casual, xa que, en certo modo, supón un retorno ás orixes da Escola de Canteiros, que naceu a finais da década dos 70 no Mosteiro de San Xoán, onde permaneceu ata o cambio de século. “Non hai ningunha escola nin centro similar con tal nivel de especialización en ningún país”, sinalaron os asistentes á presentación dunha mostra que será inaugurada o sábado 5 de febreiro ás 12.00 horas.