Opinión

Barcelona, capital da edición en español

Barcelona, cidade acusada polo conservadurismo español de marxinar e deostar o castelán, é a capital do mundo editorial en español porque publica cada ano máis do 50% do total dos títulos que saen ao mercado neste idioma. Como consecuencia desta rica tradición adoita ofrecernos nas súas numerosas publicacións de bibliofilia, da que tamén é capital indiscutida, noticias certamente tan curiosas como interesantes. Así por exemplo, no ano 1921 apareceu en Barcelona a colección ‘Biblioteca Minúscula Catalana’ que se estrea publicando o poema máis emblemático de Aribau, titulado “La Pàtria”, palenque da fecunda Renaixença catalana; a colección estaba pensada para bibliófilos caprichosos xa que pretendía ofrecer o gravado e o formato máis reducidos da historia editorial (42x29 mm) cando actualmente son considerados libros de miniatura (‘llibres microscòpics’ como os denomina José Porter) os que non sobrepasan os 75 mm de alto. Curiosamente quen promove esta edición é un oculista que quixo que esta primicia editorial consagrase o nome da súa filla Eugènia Simon; o gravado e deseño desta alfaia bibliográfica encargouse ao artista valenciano Lluís Garcia Falgàs (1882-1954), autor de numerosísimos exlibris e sumamente coñecido por ser autor da imaxe de Norit, aquela ovelliña branca da nosa infancia. A imprenta encargada da edición foi La Neotipa, unha “empresa colectiva obrera” de tendencia anarquista e á que estaba vinculado, coidando esta miniatura, o noso vello coñecido, por editor de Sarmiento, Eudald Canibell Masbernat, (1858-1928) tipógrafo, polígrafo, debuxante, bibliotecario, e anarco-nacionalista, como diría o amigo X. R. Pena.

Malia que sempre se lle asigna ao gran Aldo Manuzio a invención do libro de pequeño formato, de bolsillo, os seus ‘libelli in forma enchiridii’, denominación que deu ás súas edicións en octavo, eran imitación e lembranza de modelos e formatos da Antigüidade. Efectivamente os libros “de faldriqueira” e os denominados sucesivamente como ‘libelli, pugillares, enchiridiones ou libri quadrati’ naceron ligados á idea universal de “portabilidade”, a posibilidade de fácil traslado que permite a lectura sen soporte, viaxando e en calquera circunstancia. Os nomes, ‘pugillares’ por antonomasia, fan alusión ao seu tamaño, tan pequeno que cabía na palma da man.

"“Non faltaron intentos de publicación de miniaturas en Galicia, case sempre en edición non venal”

Adoita citarse como proba, entre outras, da súa antigüidade que Plinio (s. I) menciona a existencia dun manuscrito da Iliada que cabía na casca dunha noz, probable hiperbole contestada ironicamente por Jonathan Swift (1667-1745) que, vendo o maltrato que sufrían os libros, dicía que era moito máis frecuente ver unha casca de noz nunha Iliada

Non faltaron intentos de publicación de miniaturas en Galicia, case sempre en edición non venal, por parte de Galaxia. Posúo, entre outros, “Contos” (80x60 mm) de Rafael Dieste, precedente dun intento comercial, “Os minilibros de Galaxia”, que non prosperou. Pero as miñas xoias bibliográficas no campo da miniatura son un “Breviario” (105x55 mm) a dúas tintas, editado en 1631 con lista manuscrita de sucesivos lectores, todos “padres” e “curas cureros”. Os breviarios e devocionarios reduciron o seu tamaño considerablemente desde a Idade Media para ir acompañados pola “palabra de Deus”, facilitar o seu manexo e soportar facilmente o seu peso. Eran os “libros de cintura” que usaron frades e sacerdotes para poder orar en calquera momento e como guía para adoctrinar discípulos. Tamén Maruxa Seoane me obsequiou cunha edición de “Oda a la tipografía” (115x75 mm) de Neruda, editado en Bos Aires en 1974 por Torres Agüero. Mágoa que Luís Seoane, tan amigo do libro e de numerosos editores, tamén el novidoso editor, non se tivese aventurado polos camiños lúdicos e estéticos do minilibro.

(O meu agradecemento a tantas persoas que trataron este tema con tanta amenidade como erudición, entre elas, Antonio Palau, José Porter, Josep Mengual Catalá, Lamberto García del Cid, J. M. Sánchez Vigil, J.L. Gonzalo Sánchez-Molero, Fermín De los Reyes e Mª Olivera-Zaldua).

Suscríbete para seguir leyendo