Opinión | tRIBUNA LIBRE

No feminismo non hai relevo

Volvo dunha xornada de formación e na véspera do 8M leo na prensa que por primeira vez descende o número de mulleres novas que se declara feminista. Soan as alarmas dentro do feminismo, non é para menos. A maioría de nós loitamos por un futuro que case seguro non gozaremos. Loitamos por elas, polas do futuro, coa ilusión de que cada xeración de mulleres sexa máis libre que a anterior. Hai algo máis descorazonador que sentir que o noso legado non vai ser recollido polas seguintes?

Viaxo coa memoria ao pasado e lembro que o meu eu preadolescente non se consideraba feminista. Nin machismo, nin feminismo, igualdade. Non era consciente nin das desigualdades que eu mesma encarnaba. Tivo que vir unha profe do instituto a prestarme unhas gafas lilas, ou a quitarme a venda, para sortear a miopia machista que me impedía ver a realidade como era. Dende aquela devolvo o favor facendo pedagoxía, aula a aula, conversa a conversa, café a café. Recollo coma ben podo o legado herdado, dende Beauvoir a Angela Davis, de Olympe de Gouges a Celia Amorós. O pasado ensínanos que cíclicamente cada avance feminista é seguido dunha resposta patriarcal feroz. Onda a onda, diante e atrás, somos marea violeta imparable. Cada revolta un pasiño máis preto da ansiada igualdade.

A semana pasada, na procura de respostas, pregunteille a unha nena de 14 anos onde atopaba a forza para loitar a diario coa resposta patriarcal dos seus compañeiros de clase. Díxome que na lectura. Pregunteille se algunha autora en particular. Nomeoume a Mary Wollstonecraft, unha feminista do século XVIII. Quedeime abraiada. Entendin de súpeto todo. No feminismo non hai relevo. Xunto a esta lectora de 14 anos marchamos as que rachamos as gorxas berrando contra a manada. E ben xuntiñas ao noso carón as mulleres do tren da liberdade e a bisavoa que a dictadura franquista non puido parar. Está moi claro. No feminismo non hai relevo. Non o hai porque aquí, na nosa loita, ningunha de nós abandona.