CAMPO DE GRANADA

Queizán pioneira

Queizán, en un acto en el Club FARO a finales de 2023

Queizán, en un acto en el Club FARO a finales de 2023 / Alba Villar

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Coincide este 8 de marzo co premio Laxeiro 2024 outorgado á escritora María Xosé Queizán. Un recoñecemento para unha creadora, pensadora e axitadora viguesa, exemplo para a Fundación Laxeiro de “compromiso coa cultura galega a través da creación e do pensamento” feminista. Unha pioneira no mundo da escrita contemporánea en lingua galega dende a publicación d’ ‘A orella no buraco’ (Galaxia 1965), a súa primeira novela, como tamén da reivindicación feminista, fose como ensaísta, autora de títulos primeiros nesta causa como ‘A muller en Galicia’ (Ediciós do Castro 1977), fose como promotora de organizacións feministas como Asociación Galega da Muller (AGM, 1976) e Feministas Independentes Galegas (FIGA 1978), de publicacións como a revista anual ‘Festa da palabra silenciada' (1983-2014), da que foi directora. Sen esquecer as iniciativas feministas e artísticas diversas nas que participou: o Teatro de Arte e Ensaio da Asociación da Prensa de Vigo (1958), do que foi promotora e actriz; o Teatro Popular Galego da Asociación Cultural de Vigo (1967), do que foi fundadora; ou a colección “As literatas” de narrativa escrita por mulleres publicada por Xerais (1999), da que foi directora. Sen menoscabo de ser autora dun completísimo catálogo literario que vai da novela e o relato ao ensaio, da poesía ao teatro, do cinema á tradución, Queizán é unha das figuras cimeiras da cultura galega do noso tempo que, a pesar de iniciativas como esta da Fundación Laxeiro ou doutras recibidas en Vigo, aínda non foi recoñecida como merece.

“A súa obra é un admirable exercicio de coherencia vital e de reflexión literaria permanente”

Non se poden entender os feminismos actuais sen o teimoso compromiso de María Xosé Queizán que dende hai cincuenta anos participou en todo tipo de iniciativas, manifestos, artigos, estudos, conferencias, debates, xornadas formativas e mobilizacións sobre a situación da muller e a conquista dos seus dereitos que a converteron en referencia do movemento feminista galego. Un camiño sempre arriscado, como o da manifestación convocada por AGM o 5 de marzo de 1977 á porta do Corte Inglés de Vigo polo despedimento dunha empregada (Encarna López), que coincidiu coa primeira celebración en Vigo do 8 de marzo (efeméride considerada folclórica, entón, polos sindicatos e partidos de esquerda), que en realidade perseguía denunciar por vez primeira un caso de acoso sexual encuberto pola empresa. Como participou Queizán nas batallas das leis do divorcio e do aborto, tan presentes no Festival Feminista celebrado en Castrelos o 29 de xuño de 1980, organizado pola Coordinadora Feminista de Vigo. Como Queizán escribiu moreas de artigos denunciando a discriminación salarial e a violencia sobre as mulleres, ao tempo que animou en xuño de 1996 o encontro de poetas peninsulares e das illas en Vigo, organizado pola FIGA e a Concellaría da Muller. Sen esquecer o pulo que dende a vicepresidencia do Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo, creado o 2 de decembro de 1993, Queizán imprimiu a celebración do 8 de marzo e a visibilidade na cidade das mulleres e da súa memoria.

Nacida na rúa Urzaiz, na altura do muro da Estación, Vigo foi para María Xosé Queizán o seu berce e cidade amada, como confesou nas páxinas de ‘Vivir a galope’ (Xerais 2018), o seu referencial libro de memorias: “Vigo é o ritmo humano proletario no que aprendín a camiñar e o aroma peixeiro embriagando as entrañas da cidade, o manifesto atlántico que me orienta”. “Cada vez que chego a Vigo e enxergo a ría, chéiroa, sinto unha intensa emoción que me obriga a respirar profundamente e a amar a vida”. Unha cidade que, ademais, protagonizou algunha das súas mellores páxinas literarias na novela ‘Amor de tango’ (Xerais 1992), texto inesquecible sobre a contribución das mulleres viguesas, tanto as traballadoras da conserva como as rapazas dos esperanzados anos vinte, anteriores á Guerra Civil, na conformación de Vigo como unha urbe industrial e cosmopolita. Un libro que contén o primeiro itinerario do mapa do Vigo literario, ao que Queizán tamén contribuíu coa súa novela negra ‘Ten o seu punto a fresca rosa’ (Xerais 2000) e cos relatos de ‘Sentinela alerta’ (Xerais 2002).

Xaora, nunha obra escrita dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia, María Xosé Queizán salientou a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. A súa obra (como a propia vida) constitúe un esforzo por ofrecer unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos modelos de igualdade na relación entre os seres humanos. Un admirable exercicio de coherencia vital e de reflexión literaria permanente que merece ser salientado. Grazas, María Xosé.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo