Voyager

A votar

Una urna, en una imagen de archivo.

Una urna, en una imagen de archivo. / BERNABÉ / JAVIER LALÍN

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Hoxe celébranse as eleccións á Xunta de Galicia despois dunha campaña que se foi volvendo máis agresiva a medida que avanzaban os días. Observei con cautela os movementos que se ían producindo nas diferentes direccións. Cos anos aprendes a inmunizarte da euforia que se desprende dun e doutro lado. Tamén aprendín a medir os efectos dos algoritmos nas redes. Fieime delas noutras ocasións e sempre foi un tiro errado. A día de hoxe estou convencida de que o pulso das miñas redes é radicalmente distinto do pulso das redes dunha persoa que estea a nivel ideolóxico nas antípodas de min. O 12 de febreiro publicáronse as derradeiras enquisas. Desde ese momento toda a información pasou a ser de carácter interno ou, polo menos, a estar á marxe de sondaxes oficiais. Nunca conseguín entender o rebumbio que provocan as enquisas. Porque unha cousa é a intención de voto e outra ben distinta o que se acaba votando. E tamén porque sempre hai marxe de erro e tantas posibles hipóteses coma número de enquisas. Ao fío disto último, lembro unha noticia que me fixera graza nas pasadas eleccións xerais. Un medio publicaba que había enquisas que vían unha clara maioría da dereita, outras máis axustada, e outras un probable goberno de esquerdas. Isto é o mesmo que dicir: pode gañar A, B ou, en función de como vaia a xornada, incluso C. A palabra que mellor resume o pulso das enquisas é “depende”.

A derradeira enquisa do CIS anunciou un importante aumento do BNG, concentrando o voto da esquerda, e deixou no aire a histórica maioría absoluta do PP. Eu, que son calquera cousa agás analista política, confeso que vivo o día de hoxe con gran curiosidade. Vivín o final desta campaña con certo nerviosismo. Basicamente porque detesto a violencia e na política adoita habela, sobre todo en determinadas circunstancias. Estamos ás portas dun cambio? Talvez. E ese talvez é o que intensificou unha campaña onde houbo cousas máis ou menos acertadas. Alguén me contou que a semana pasada unha muller explicaba no meu barrio que “aquí nos obligan a hablar gallego”, cousa que me resultou absurda, sobre todo cando ela repetía esa consigna en castelán. Ignoro onde ten o seu posto instalado “La policía del gallego”. Eu nunca a vin. Por poñerlle humor ao asunto, recoñezo que pasei momentos divertidos puntuais vendo algún vídeo de campaña. Con outros, escandaliceime. Consideracións persoais á marxe, hoxe é un día importante. Hai tempo que non pensaba en Saramago e no seu Ensaio sobre a lucidez, a novela que parte da premisa que durante as eleccións municipais dunha cidade sen nome, a inmensa maioría da cidadanía vota en branco, provocando un auténtico cataclismo. Ignoro se o PP conseguirá referendar a súa quinta maioría absoluta consecutiva. Tampouco sei se vai materializar ou non ese certo retroceso do PSOE que apuntaban as famosas enquisas. O que xa semella unha evidencia é que, ou goberna Rueda, ou goberna Pontón.

Regresando ao Ensaio sobre a lucidez, votar en si é un acto revolucionario. Porque significa prender a mecha do futuro. A abstención é un fracaso colectivo. En realidade non é estar de costas ao sistema, é cruzarse de brazos e deixar que as cousas simplemente sucedan, sen participar delas. Cómpre lembrar que o deseño da lei electoral galega provoca que as provincias con menos poboación (Lugo e Ourense), teñan un peso maior do que lles correspondería se houbese un reparto cunha distribución xusta respectando o número de persoas censadas. Para min, o cataclismo nestas eleccións do que falaba Saramago ten que ver con isto. Por iso creo que debemos pensar no que máis nos importa, saír da casa, chegar ao colexio electoral e votar. E logo, pasar a noite electoral como mellor se poida.

Suscríbete para seguir leyendo