Vitrasa: unha catástrofe social?

Montserrat Carrera*

A cidade de Vigo mostra diante do Marco unha exposición fotográfica que lembra a catástrofe medioambiental do Prestige, acaecida hai 21 anos consecuencia da neglixente actuación dos nosos gobernantes.

Hoxe estamos inmersos nunha catástrofe social de gran magnitude: a folga de Vitrasa, que percorre a cidade día a día e afecta a milleiros de persoas que precisan deste servizo na súa vida cotiá.

É unha catástrofe que as traballadoras e traballadores teñan que negociar, cunha patronal que non quere, un convenio caducado desde 2020. Patronal cómoda e imperturbable logo de 80 días de folga, manifestacións diarias, servizos mínimos, persoal en IT...

É difícil negociar cando unha parte non quere. As negociacións nunca son fáciles, mais a anterior dirección de Vitrasa tiña claro que era imprescindible negociar de boa fe e chegar a acordos para manter a paz social, porque a clase obreira ten dereito a condicións salariais e laborais dignas. A nova dirección non ten estas premisas como eixe fundamental de traballo. A súa insistencia en querer repartir as perdas que din ter, cando nunca propuxeron a repartición de beneficios, é difícil de entender.

Estamos ante unha multinacional foránea; a problemática que sofre a cidadanía e o persoal quédalle lonxe. Pero o Concello si é testemuña do malestar e desacougo. A Lei 7/1985 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, artigo 26.1 di que os municipios de máis de 50.000 habitantes deberán prestar servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros. De aí que insistamos: o Concello, como garante do servizo, debe velar pola súa calidade e esixirlle responsabilidades á empresa concesionaria.

O Prestige acabou en catástrofe ambiental porque a quen lle correspondía non actuou como esixía a situación. A folga de Vitrasa vai camiño de ser unha catástrofe social, se a quen lle corresponde non actúa. Dicía Paulo Coelho que cando atrasamos a colleita, os froitos podrecen, pero cando atrasamos os problemas, estes non paran de medrar.

* Secretaria xeral de CC OO en Vigo