“La pertinaz sequía”, ou non

Embalse de Sau, en Barcelona

Embalse de Sau, en Barcelona / Lorena Sopêna (Europa Press)

Xoel Ben Ramos

Xoel Ben Ramos

Temos o levante peninsular deshidratado. Mais dubido se falamos dunha verdade incómoda ou tan só é o resultado dunha pésima planificación. Incluso, que puidera ser, terá algo a ver o cambio climático? Nas clases de “soci” con Don Juan, estudábamos que Cataluña, a Comunidade Valenciana, Murcia e ata boa parte de Andalucía eran “La huerta” de España. Aquela exuberancia hortofrutícola xurdía nin máis nin menos que por obra e gracia do chamado regadío. Invento fascinante que era unha completa contradición, pois se a totalidade desa franxa representaba o arquetipo do clima mediterráneo (escaseza de chuvas, altas temperaturas, verán seco e inverno tépedo), de onde sacaban a auga para o regadío? Un misterio insondable. Logo, nos seguintes cursos, aprendes tamén que hai un Transvase Texo-Segura para engordar as explotacións intensivas murcianas (o consumo agrícola representa o 75% da auga transvasada); un Plan Hidrolóxico Nacional concibido para compracer a cataláns e valencianos e moitas plantas desalgadoras que abastecen piscinas, campos de golf e unha presión turística sempre difícil de contentar. Sen esquecer ese urbanismo especulativo, tan nuestro, onde o Levante, retratado con acerto por Bigas Luna en “Huevos de oro”, lévase o primeiro lugar. Así que en catro liñas temos os ingredientes para a catástrofe do 2024: “La pertinaz sequía”.

Só que non. Non é así. Este é o discurso pesimista, ata diría que roza o populismo. Afastado da realidade e cheo de tópicos. Ás veces pásame. A verdade é outra, pero despístome. Despiste transitorio, padezo. Non miremos para a auga, senón para esas puxantes multinacionais que xestionan centos de hectáreas de cultivos industrializados e os miles de postos de traballo xerados –si, algo precarios, pero, ollo!, que esa xente nos seus países morre de fame–. Parece que só reparamos no lado negativo do asunto. Desertización? De ningún xeito!, pódense aproveitar aínda máis os acuíferos e incrementar a superficie dos invernadoiros e rego por goteo (controlado con IA). A auga sobra, só que está mal repartida, sempre foi así. Tampouco entendo que se critique o turismo tras este 2023, un ano de récord en visitantes e en ingresos. Do mesmo xeito a construción, que si límite de alturas, que si dominio público-marítimo pero logo faltan vivendas... E alguén pensa na riqueza que aporta ao PIB o ladrillo? Incluso, sen parecer esaxerado, é unha cuestión de liberdade: se podes pagarte unha piscina olímpica no teu chalet ou un campo de golf, pois morra o conto. Non lle fas mal a ninguén. Din que falta auga, mentira, sobra, só hai que canalizala ben, como aclaran os tractoristas; ademais acertan con eso do cambio climático: parvadas! E engado só un dato, desde que prohibiron as touradas en Cataluña, alí chove menos. Ahí lo dejo.

Suscríbete para seguir leyendo