Os Camiños da Vida

“Bocarribeira: crónica sentimental”

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Hai sesenta e seis anos, constituiuse en Madrid un grupo radical de afinidades de esquerda nacionalista galega que situou a súa práctica nos eidos político-social e cultural do antifranquismo. O núcleo chamouse Brais Pinto en memoria dun mítico afiador de Nogueira de Ramuín. Foi Brais Pinto o xermolo d’ A Gadaña , á cal, á súa vez, foino da movemento plástico de Atlántica. Do grupo naceron a poética da Escola da Tebra e a Nova Narrativa Galega.

En política, sen Brais Pinto non sería posíbel a UPG de antano nin o BNG de hogano. Integrado por xoves traballadores e estudantes galegos en Madrid, Brais Pinto saiu da sombra publicando, coma enseña, este libriño: ‘Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar por Ramón Otero Pedrayo’, Brais Pinto, Madrid, 1958. Un opúsculo de 23 páxinas que Reimundo Patiño enriqueceu con dous debuxos intensamente simbólicos que condensan o sentimento nacional do artista en sintonía co pathos oteriano. Indica Anxo Angueira que ‘Bocarribeira’ é unha obra en homenaxe, tamén, aos mortos antifeixistas e un abrazo ao pobo aldeán. Nel, Otero aproxímaxe a Novoneyra e Manuel María.

"A obra presenta unha aldea galega pintada ás veces con trazo groso e rabelaisiano que nos achega ao Valle revoltado de ‘Tirano Banderas’"

‘Bocarribeira’ presenta unha aldea galega pintada ás veces con trazo groso e rabelaisiano que nos achega ao Valle revoltado de ‘Tirano Banderas’. O humor franco na nominación persoal, alegra o corazón dos lectores, como ocorre con algún intre feliz de Afonso X. Coma noutros pasos poéticos do Rei Sabio, Otero amosa dor da alma. O libro ‘Bocarribeira’ leva saúdos encriptados do Patriarca á figura política de Castelao e á nova xeración, dita de La Noche por Borobó, que aspiraba a dar pasos avante na apropiación de Galicia polos seus nacionais. Este libro de Brais Pinto planeouse no gardarroupa (sic) do Centro Gallego de Madrid. E a imprenta escolleita para realizalo foi Gráficas Numen de Vigo. Ao tempo, circulaba o relato cuxo argumento situaba en Gráficas Numen (Rúa Velázquez Moreno) e a tiro de pedra da Brigada Político Social, o lugar onde se imprimira en clandestinidade ‘Voz y Voto,‘ de Celso Emilio Ferreiro. O dito é o que permanece na memoria infiel do autor desta bagatela.

Suscríbete para seguir leyendo