Travesías biográficas nas memorias de Palau

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

As memorias do D. Antonio Palau i Dulcet (1867-1954) publicadas en 1935, felizmente reeditadas (“Memorias de un librero catalán”, Doce Calles, 2021), son un documento de gran importancia onde o protagonista fundamental é o libro. Esta circunstancia non impide que polas case seiscentas páxinas desta segunda edición poidamos contemplar as transformacións arquitectónicas da cidade, as convulsas relacións políticas da época ou os usos e formas de relación entre as distintas clases sociais. Semella a súa lectura unha sorprendente consulta hemerográfica, onde o mesmo nos atopamos cun crime pasional, unha folga histórica, un concerto no Liceu, a representación dunha ópera ou a escenificación dunha obra de Shakespeare ou cun incendio incontrolado na Barceloneta.

Polas páxinas das memorias de Antonio Palau desfilan centenares de personaxes, libreiros, editores, tipógrafos, escritores, torneiros, carpinteiros, vendedores ambulantes, periodistas, profesores, etc, que constitúen un moi informado e rico dicionario biográfico da cidade. Tal é o caso de José María Codolosa i Riera (1830-1898), bohemio, prolífico escritor popular e libreiro de pouca fortuna, autor dunha obra constantemente reeditada da que non tirou o menor beneficio. Titulada “´L pas de las Termopilas. Lleterada poética en un acto y vers catalá” (1880), circulou anónima por ser unha das publicacións eróticas máis emblemáticas e máis denostada pola crítica moralista. Compre advertir que a “lleterada” que figura no título, ten relación coa palabra “lletreda”, cruce analóxico entre “lletra” e “llet”, que significa escrito voluminoso con excesivas páxinas pero unha “lleterada”, na xerga erótico-festiva significa un orgasmo colectivo.

"Compartía Palau con outros moitos bibliófilos cataláns unha acusada tendencia cervantista"

Conta tamén Palau a curiosa e significativa capacidade transformadora dos “Encantes” (p. 72) que de estar constituídos por cousas vellas e sen utilidade foron transformados nun mercado de cousas novas e usadas, orixe dos postos de libros na Ronda de San Antón, que aínda hoxe manteñen un activo comercio. Aventura o autor da obra que comentamos que a etimoloxía da palabra “encante”, respaldada por Corominas, (do latín in quantum) fai referencia ó “canto” do valor das mercadurías subastadas.

Compartía Palau con outros moitos bibliófilos cataláns unha acusada tendencia cervantista que acabou dándome noticia dos editores dunha obra de Sarmiento. O cervantismo, se queremos facer historia, chega a Galicia moi cedo, cando aínda no resto de España o libro non espertara máis que xuízos superficiais en contraposición con Francia e Inglaterra. E chéganos da man do Padre Sarmiento, autor dunha extensísima obra que foi o alicerce no que se asentou o espírito reivindicativo do provincialismo e, xa que logo, do rexionalismo e nacionalismo posteriores. Pois ben, Sarmiento como un dos primeiros cervantistas hispánicos é autor dunha obra tan citada como pouco lida, “La Noticia de la Verdadera Patria (Alcalá) de El Miguel de Cervantes, estropeado en Lepanto, cautivo en Argel, y autor de la Historia de Don Quixote, y Conjetura sobre la Insula Barataria de Sancho Panza”. A obra permaneceu manuscrita ata o ano 1898 en que Canibell a publica en Barcelona baixo o selo editorial de L´Avenç. Soamente se imprimiron 100 exemplares (manexamos a edición de J. L. Pensado, Xunta de Galicia, 1987). Esta obra, que sufriu o rigor claustrofílico do seu autor, permaneceu inédita máis dun século pero non por eso foi descoñecida polos biógrafos e cervantistas dos séculos XIX e XX. A edición de 1898, costeada en Barcelona polo cervantófilo D. Isidro Bonsoms, consta de cen exemplares e foi prologada por D. Eudaldo Canibell. De ambos, editor e prologuista, traza Palau unha breve e curiosa semblanza.

Por certo que Galo Salinas será un dos afortunados posuidores dun exemplar dos cen editados en Barcelona, tal como nos conta no seu artigo “Obra del Padre Sarmiento sobre Cervantes” incluído na obra colectiva, “El Centenario del “Quijote” en Galicia” (Liga de Amigos de La Coruña, 1905, p. 20.)

Suscríbete para seguir leyendo