Campo de Granada

Vigo traballa

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Ademais d’ A vista de Vigo de Urbano Lugrís, as visitantes da exposición “Vigo no tempo” adoitan amosar grande interese e sorpresa por Vigo traballa (1986), un óleo sobre lenzo de dimensións formidables (dous metros e medio de largo por dous de altura), no que Manuel Moldes expresou o carácter obreiro e industrial da cidade nosa. No marco das mobilizacións obreiras da reconversión da construción naval e das manifestacións artísticas da movida na música, plástica e na moda, Moldes ofrece dende a súa ollada expresionista unha vista aérea que representa de forma vibrante o Vigo caótico e incesante, na que se poden identificar espazos xeográficos como diversas actividades industriais dunha cidade que non se rendeu, a pesar dos moitos paos que recibía. Un cadro de narrativa debuxada onde, ademais de aparecer rascuñadas varias das iconas viguesas (a oliveira, o tranvía, as guindastres portuarias, a casa do concello, o García Barbón...), o pintor pontevedrés cede o protagonismo aos metalúrxicos, ferreiros, soldadores, albaneis, pintores e pescantinas, mentres as súas ferramentas e espazos fabrís compiten en beleza cos edificios do ensanche burgués. Unha peza que, como a vista de Lugrís, e practicamente o resto dos óleos de “Vigo no tempo”, enxerga o horizonte das illas Sías (deberiamos reivindicar este nome galego) aboiando sobre o océano, ás que o pintor pontevedrés accede por unha ponte transparente ao longo da ría.

Moldes titulou este cadro Vigo traballa porque formaba parella con outro de características semellantes que pintara tres anos antes, Pontevedra durme, recorrendo así a unha expresión tópica que se fixera popular en Galicia (con diversas variantes): Vigo, traballa; Pontevedra, durme (ou bocexa); Santiago, reza e A Coruña divírtese”. Frase que Manuel Gago, coordinador do proxecto expositivo “Cidades no tempo”, considera nacida nos ámbitos intelectuais vigueses, documentada xa na reportaxe e nas fotos que Benedicto Conde (“Bene”) titula “Vigo trabaja” no ‘Anuario de Vigo’ (publicado en marzo de 1943), no que se exalta ante todo o carácter de Vigo como cidade traballadora e a laboriosidade viguesa como “divisa e fundamento do pulo adquirido e máis aínda do poderío e grandeza futura”.

“Vigo traballa constitúe a explicación do enorme crecemento demográfico de Vigo, dende 1875”

Unha moderna estratexia de vender os valores propios que ao comezo do franquismo amosaba esa vontade de ser cidade, que Vigo nunca perdeu no século XX, e o que aínda é máis relevante de liderar a Galicia urbana dende o traballo, a economía produtiva. Unha expresión que prendeu no imaxinario popular de Galicia e á que se incorporaron as tres cidades que faltaban na década do sesenta: “Ferrol, navega; Lugo, come e Ourense, bebe”.

Fose ou non fose unha estratexia pioneira do marketing vigués, acuñado pola prensa local, salientar que Vigo traballa constitúe a primeira explicación do extraordinario crecemento demográfico de Vigo, dende 1875, cando nos talleres de Sanjurjo se construíu a primeira locomotora, o mesmo ano no que chegou o ferrocarril ao porto e comezou a súa actividade industrial moderna. Dos corenta e cinco mil habitantes cos que os concellos de Vigo, Bouzas e Lavadores comezaron o ano 1900, pasou o concello de Vigo aos cento cincuenta mil de 1959, cando comezou Citroën a súa actividade na factoría de Balaídos. E dende entón, transcorridas outras seis décadas, a pesar de reconversións e crises Vigo duplicou a súa poboación. A actividade industrial, artellada arredor das actividades portuarias (pesca, conserva, construción naval...) foi, até a creación da Zona Franca, o motor demográfico vigués nos últimos cento cincuenta anos. Abonda con lembrar que en 1920 na industria conserveira viguesa traballaban 5.500 persoas, a maioría mulleres, que producían un millón de latas. Ou que no mesmo período nos dezaseis estaleiros da ría ocupaban a cinco mil obreiros.

Ese inequívoco carácter industrial do sintagma “Vigo traballa”, como salienta no seu cadro Manuel Moldes, transformou tamén a propia paisaxe viguesa, tanto da ría como do farturento Val do Fragoso. Velaí como as guindastres portuarias, de estaleiros e peiraos, convertéronse en iconas viguesas, caligrafando coa mobilidade xeométrica dos seus brazos de ferro a nosa liña do horizonte. Así o entendeu o fotógrafo Manuel Vicente que na exposición “Vigo no tempo” identificou na beleza caprichosa das grúas da beiramar un dos padróns que mellor definen a identidade de Vigo, xunto as costas e escaleiras e os caprichosos ornatos pétreos dos edificios do ensanche burgués. Outro xeito de expresar visualmente a resiliencia industrial dunha cidade que, a pesar de inevitables e conxunturais cantos de serea, continúa tendo nos camiños do mar o ronsel do seu porvir e do seu liderado entre as cidades portuarias do arco atlántico peninsular.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo