CAMPO DE GRANADA

Vigo, porto cosmopolita

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Non sabía o meu admirado Ceferino de Blas que pecharía a súa obra sobre a historia viguesa cun libro sobre o porto que titularía ‘Vigo, puerta del mundo’, do mesmo xeito que aparecía na cabeceira da sección de información marítima que FARO DE VIGO publicaba na súa derradeira páxina dende 1949. Coincidencia de título do seu libro (infelizmente) póstumo e o da sección portuaria daquel FARO dirixido por Francisco Leal Insua que –ademais de compartir un sintagma afortunado entre dous directores que mudaron o rumbo do xornal en momentos decisivos– amosa a permanente atención do actual decano sobre todo o que sucede no porto e na ribeira, celme da propia cidade, tanto polas súas actividades (marítimas, pesqueiras, comerciais...) como pola súa achega á conformación da identidade de Vigo como urbe cosmopolita e moderna, inicio dos camiños do mar cara os portos do norte de Europa e os do continente americano. Unha relevancia estratéxica portuaria viguesa, un indiscutible referente do tránsito marítimo internacional, enlace perfecto para comunicar dous continentes, como se poñía de manifesto en 1817 nun documento excepcional, que se pode ver na exposición “Vigo no tempo”, a “Carta esférica do globo terráqueo na que se trazan as derrotas desde a ría e porto de Vigo cos principais portos das posesións españolas de ultramar”.

En ‘Vigo, puerta del mundo’ (FARO DE VIGO, 2023) Ceferino de Blas ordena cronoloxicamente a historia atractiva dos viaxeiros en tránsito que visitaron Vigo entre 1875 (ano de despegue da cidade, no que comeza a construción do peirao do comercio e chega o tren ao porto) e 1965 (cando foron desaparecendo as liñas marítimas transoceánicas substituídas polas aéreas). Un relato prologado por visitas lendarias, como as do romano Xulio César ou Afonso IX (1201) ás illas Cíes, as tres de Sir Francis Drake que arrasou a cidade en 1589, a probable do explorador alemán Alejandro Humboldt (1799) ou a de George Borrow (1837), que despois de ruar pola cidade e subir ao Castro escribiu que a de Vigo “é a baía máis segura do mundo, na que caben máis de mil barcos, sen estorbarse”. Visitas algunhas fascinantes, que deixaron pegada na historia da cidade, como as dúas do novelista Jules Verne, a da bailarina e espía Mata Hari (1916), as dos científicos Albert Einstein (1925) e Giulielmo Marconi (1928). Estancias, outras, menos coñecidas, como a do escritor e xornalista francés Gaston Leroux (1904), que chegou a Vigo para entrevistar ao científico e explorador sueco Otto Nordenskjold de regreso do Polo Sur no transatlántico ‘Tijuca’, que ademais lle permitiu coñecer o sucedido na baía nosa en 1702 e escribir dúas novelas sobre os tesouros de Rande ‘A batalla invisible’ e ‘O capitán Hix’, ambas publicadas en 1917.

Ademais de contar estas visitas de varios centos de persoeiros, Ceferino de Blas ocúpase en ‘Vigo, puerta del mundo’, de abordar o relato de episodios relevante da historia portuaria viguesa, como a batalla de Rande (1702), as expedicións dos cazatesouros (dende 1720 a 1955), o regreso dos repatriados da guerra de Cuba (1898-99), os primeiros visitantes ingleses (1910) ou a primicia informativa viguesa do afundimento do ‘Titanic’ (1911), entre outras. Con todo, para min a máis atraente destas historias para a cidade é a da liña marítima entre Vigo-Nova York inaugurada o 16 de xuño de 1920 polo magnífico vapor ‘Mongolia’ da compañía American Line que recolleu a 900 pasaxeiros (a maior parte emigrantes) con destino a cidade norteamericana, travesía de oito días cun prezo en terceira clase de 565 pesetas. Servizos transatlánticos suprimidos, primeiro durante a Guerra Civil, despois durante a Guerra Mundial, que serían recuperados entre 1948 e 1949 para os portos de Sudamérica (Santos, Rio de Janeiro, Montevideo, Buenos Aires...), cos que durante dúas décadas se mantivo un importante fluxo migratorio.

Xaora, como fixera nun dos seus libros máis recentes, ‘Cíes. Las islas de Vigo’ (FARO DE VIGO, 2020), de Blas non esquece o IIIº Congreso Internacional de Poesía, celebrado entre o 23 e o 28 de xullo de 1954, no que un cento de poetas, coordinados por José María Castroviejo, visitaron as Cíes. Unha travesía pola ría coa que pecha o seu libro máis narrativo, novidoso e de lectura máis engaiolante. Publicación que coincide coa homenaxe que os membros do Instituto de Estudios Vigueses (do que era membro activo) lle rendemos no número 28 de ‘Glaucopis’, correspondente a 2023, onde aparece por vez primeira recollida toda a súa bibliografía, dezasete libros individuais e outros tantos ensaios en publicacións colectivas. Bo sería que o Concello de Vigo recoñecese anualmente o legado literario de quen foi o seu cronista oficial por medio da convocatoria anual dun premio Ceferino de Blas a traballos sobre a historia de Vigo.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo