O negacionismo é machismo

Carmela Silva

Carmela Silva

Nestes 11 meses de 2023 foron asasinadas 52 mulleres.

Temos que remontarnos á primeira década do século XXI para atoparnos con datos deste calibre a data dun mes de novembro.

Realmente son cifras alarmantes, dramáticas, intolerables e inasumibles nunha sociedade democrática.

Frente a esta realidade observamos con estupor, incredulidade e enorme preocupación como se instaura un discurso que nega a violencia de xénero, que discute a desigualdade que padecemos as mulleres.

Os negacionistas teñen nomes e apelidos nos partidos políticos: Vox coa complicidade do PP. Estámolo vivindo nas comunidades autónomas e concellos onde gobernan xuntos.

Comenzaron negando o concepto de violencia de xénero e violencia machista, negando así a base real e estrutural dunha violencia que se exerce sobre as mulleres polo feito de selo.

Úsanse termos con calculada ambigüidade (violencia intrafamiliar, violencia doméstica) ocultando que estamos ante a manifestación máis grave da desigualdade e das relacións de poder dos homes contra as mulleres.

Eliminan consellerías e concellerías de igualdade e violencia de xénero ou intégranas xunto a familia e política social, o que provoca a eliminación das políticas centrais que posibilitan a loita contra todo tipo de discriminación, violencia, brecha ou a desigualdade manifesta que sufrimos as mulleres.

Menosprezan os minutos de silencio ante os feminicidios que son unha chamada de atención colectiva fronte ao horror dos crueis asasinatos de mulleres.

Atacan con dureza ao feminismo, ás asociacións de mulleres, aos colectivos que traballan para a eliminación da desigualdade e a erradicación da violencia machista chegando a cuestionar as axudas que posibilitan o traballo extraordinario que realizan.

En definitiva, o negacionismo da violencia de xénero, pretende eliminar os avances que tanto custou conquerir, que teñen permitido ir construíndo unha sociedade máis democrática, de plenos dereitos humanos para as mulleres, unha sociedade máis xusta, máis decente, unha sociedade para todas e todos.

Como aseveraba Teresa Peramato, fiscal da Sala delegada de Violencia de Xénero sobre a muller: “a negación desta violencia supón unha desprotección para as vítimas xa que xunto ao repunte de asasinatos estase a producir un descenso das denuncias dos casos de máis risco.”

Afirmaba que as causas hai que buscalas na expansión da mensaxe que nega a violencia de xénero e que está calando e “dando alas e empoderamento” aos agresores ao mesmo tempo que limita a capacidade das vítimas para recurrir ás institucións.

Así é claro que a mensaxe negacionista está en alza e que temos que poñernos en fronte dela. A violencia sobre as mulleres, sobre os nosos dereitos non pode ser moeda de cambio para acordos políticos ou de goberno como está a acontecer con Vox e o PP.

Nós, as mulleres, a metade do mundo, non podemos ser o pago para acceder ao poder. É o que está a acontecer, e é grave, moi grave, gravísimo.

Neste 25 de novembro quero alzar a miña voz contra quen alenta ou é cómplice do negacionismo.

Quero que a miña voz denuncie a quen hoxe sairá a posicionarse contra a violencia sobre as mulleres pero logo non ten complexo algún en chegar a acordos cos negacionistas, cos que pasean monecas hinchables con slogans machistas.

As mulleres estamos fartas de verborrea, de campañas para lavar a cara. Esiximos políticas públicas e pronunciamentos diáfanos fronte á negación da violencia de xénero.

Se gobernas e asumes as imposicións dos negacionistas es parte activa dos retrocesos que estamos a padecer as mulleres porque, si, o negacionismo alenta o machismo. O negacionismo é machismo.

*1ª Tenente Alcalde de Vigo e Concelleira do Área de Goberno de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística