Sabias lecturas do analfabetismo

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

A noción máis común de “lectura” está asociada á aparición da escritura e do libro e , como consecuencia, á linguaxe visual. Seguindo esta concepción usual e tradicional o Portal das Palabras da RAG, reproducindo o dicionario da Real Academia Española, define a voz analfabeto como “Que non sabe ler nin escribir” e nunha segunda acepción engade o sentido figurado de “Ignorante.” Esta idea excluínte e tradicional da “lectura”, ligada ao libro e á escritura, supón que toda a experiencia dun mariñeiro analfabeto de Rianxo, non é valorada pola cultura oficial dominante. O barco é unha prolongación do seu corpo e leva toda a súa vida “lendo” o mar, o ceo, o vento, o sol e as estrelas. Xa que logo non resulta fácil comprender porque a lexicografía califica a este mariñeiro analfabeto como ignorante, inculto e atrasado cando é capaz de sobrevivir con dignidade e respecto social nun medio tan perigoso e hostil.

Sospeitamos que a segunda acepción que recolle o devandito Portal identificando “analfabeto” con “ignorante”, “atrasado” e “inculto” non ten moita tradición porque ten a súa interesada orixe nas necesidades do liberalismo europeo do século XIX, obrigado a alfabetizar cidadáns que axudasen nunha sociedade burocratizada, desbordada, incapaz de asumir a regulación que o Estado necesitaba para controlar finanzas, impostos, levas e alistamentos. Da mesma maneira que o mar, e as súas riquezas, foi de todos mentres non houbo medios técnicos e represivos para controlalo, tamén o saber foi de todos ata que chegou a escolarización e o mundo académico que dividiu á xente entre analfabetos e alfabetizados abrindo unha brecha, que perdura, entre cultura popular e cultura académica ou cultura escrita e cultura oral.

Probablemente o motivo desta tallante división entre as dúas “lecturas” estea na fundación das universidades, un invento estudiantil e gremial. Os artesáns medievais estaban agremiados e no seu funcionamento estaba considerada a aprendizaxe e a admisión no gremio cando demostraban capacidade. Este modelo inspirou unha especie de agrupación estudantil (universitas) que alugou locais e contratou bedeis e profesores. Malia que a universitas naceu ao marxe da Igrexa e do Estado quedou suxeita á súa intervención porque ninguén podía ensinar teoloxía sen permiso eclesiástico e non se podía exercer a avogacía sen título profesional. O instrumento de control definitivo foi a autorización para exercer. Este monopolio favoreceu aos titulados porque impedía o exercicio a todas as persoas que non tivesen credenciais de saber, un título. Os primeiros universitarios eran todos de clase alta e non necesitaban subir a onde xa estaban. Pero a partir de finais do século XIX as credenciais deron oportunidade de subir na escada social á burguesía por medio dos títulos que expedía, e segue a expedir, a universidade. Hoxe as universidades son institucións buscadas, ante todo, polas credenciais de sabiduría que outorgan. Claro, os títulos universitarios daban categoría e poder social cando permitían excluír pero cando se multiplican os graduados pérdese esa vantaxe competitiva e para mantela comeza unha carreira imparable: xa non chega a licenciatura, hai que ter un master, un doutoramento, facer “altos estudos” en “altas Escolas” porque non se pode privilexiar a todos sen que o privilexio deixe de ser un privilexio. A creación desta cultura arbitraria, destinada a distinguir e identificar, favorecida pola acción pedagóxica do Estado foi unha constante histórica que non valora a experimentada e reflexiva sabiduría do noso mariñeiro de Rianxo.

Suscríbete para seguir leyendo