CAMPO DE GRANADA

Oliveira dos cen anos

Manuel Bragado

Manuel Bragado

En apenas tres días “Oliveira Dos Cen Anos”, o himno do Centenario do Celta superou o millón de reproducións en YouTube. Unha cifra elevadísima que enche de orgullo a todo un celtismo, curtido en cen anos de ledicias e padecementos diversos, mais que nunca perdeu o horizonte de pertencer a aquel club vigués potente, soñado no verán de 1923 polos seus fundadores como Manuel de Castro Handicap, Juan Baliño e José Bar, para representar a Galicia nas competicións de balompé. Un éxito indiscutible atribuíble ao talento e afouteza de Antón Álvarez Alfaro, Pucho, tamén coñecido musicalmente como C. Tangana e El madrileño, o artista cento por cento celtista que asumiu todos os riscos creativos de ofrecer para o Centenario un tema distinto, anovador e con valor engadido, enraizado tanto na música tradicional galega coma na identidade deportiva do Celta de Vigo; en definitiva, crear un himno e un escudo que no futuro acompañasen á elástica celeste como símbolos da identidade do celtismo.

E abofé que C. Tangana conseguiu un resultado espectacular, sobre todo nunha peza audiovisual de beleza hipnótica, alicerzada sobre unha excelente suite musical e un emocionante texto poético. Expresións artísticas capaces todas as tres de resumir en apenas cinco minutos dúas palabras claves, Sempre Celta!, que expresan un sentimento compartido e defendido polos milleiros de celtistas espallados hoxe polo mundo, como aqueloutros que xa non están entre nós, uns e outros aos que Pucho dedica o vídeo. Texto, imaxe e música utilizadas para representar os compoñentes dunha gramática do fútbol celeste abrazada e recoñecida por cinco xeracións de seareiros, e por ventura cada vez de máis seareiras, do cadro resultante da fusión do Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna, despregada sobre as lameiras viguesas, primeiro no histórico templo de Coia, e dende o 30 de decembro de 1928 na catedral do Fragoso.

Acerta de cheo C. Tangana cando asumiu o encargo musical de Carlos Mouriño, tras unha retranqueira sobrada dirixida ao mundo do Twitter celeste, como se dunha investigación académica se tratase na que cómpre indagar e acudir ás fontes. Artista vencellado inequivocamente coa cultura popular, Antón mergullouse durante meses e de forma apaixonada no mundo da música tradicional galega acompañado por músicos excepcionais como Xosé Lois Romero, Xisco Feijoo e Quico Comesaña, coautores do tema, por mestres da E-Trad viguesa como Rodrigo Romaní, membros d´A Roda como Alfredo Dourado, ou de “Sime” Cantó Gavira de Keltoi!, tamén coautor e unha das voces do himno, xunto as de Tropas de Breogán, a Coral Casablanca e as pandeireteiras As Lagharteiras. Con todos estes vimbios e co seu espírito de fusión, Tangana ofrece unha proposta sinfónica coral na que destaca unha potente sonoridade popular, subliñada pola xenuína utilización do aturuxo. Un resultado musical que milleiros de voces poñerán a proba na súa próxima estrea en Balaídos, mais que en todo caso polo carácter da letra da canción como das tres partes da suite non é difícil prognosticar que será emocionante e moi compartida.

“Tangana ofrece unha proposta sinfónica coral na que destaca unha potente sonoridade popular”

Como acerta tamén Tangana na escolla da localización das imaxes do vídeo no anfiteatro da ría, con comezo e remate nas illas de San Simón e San Antón e protagonismo da ponte de Rande como medula de brétemas que une e articula o espazo do Vigo metropolitano. Unha localización de beleza desbordada, subliñada polas imaxes aéreas e as vistas dende o alto de Trasmañó, con evidentes connotacións históricas (batalla e tesouro de Rande, lazareto, campo de concentración..), literarias (Jules Verne) e económicas (bateas e actividade pesqueira e portuaria). Espazos representativos do carácter do Celta como punto de encontro de todas as poboacións e comunidades da ría de Vigo, e por extensión de Vigo como cifra de todas as galicias posibles, feito que explica a presenza do celtismo en tantas outras comunidades galegas.

Con todo, o maior acerto da narrativa celeste de Tangana é o seu carácter inclusivo. Pucho sabe por experiencia familiar como oriúndo vigués que para ser celtista non é necesario ter nacido en Vigo, abonda con querer selo e asumir o risco do precario cociente entre ledicias e padecementos que isto supón, mais sabendo que dende entón cada semana non se pode vivir sen ela. Como emociona no relato de Pucho o profundo respecto á memoria do celtismo, representado nun verso que abraza, “cada vez que mires atrás, sempre hei estar aquí”, expresando o carácter do celtismo como unha comunidade proxectado no tempo, por riba dos xestores ou dos xogadores que leven o escudo no seu peito. Velaí os valores dun relato integrador que lle fai moito ben ao club no seu centenario como á propia cidade metropolitana. Moitos parabéns, Puchiño, polo logro que compartes.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo