Segunda Feira

“Sempre e mais dispois”

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Logo da Grande Guerra e da erupción soviética, un desexo de novidade absoluta mobilizou as mocedades. Era preciso, na modulación estética, unha renovación total. O novo debe triunfar sobre o vello: eis o núcleo do discurso artístico que dominaba na Europa de Entreguerras. E xorde, nas artes e nas letras, un desexo de matar o pai que coincidía, curiosamente, coa pulsión atribuída por Freud, no seu propio relato de Edipo, ao varón meniño.

Abrollaron en Europa as escolas de vangarda, divididas en múltiples fraccións que se definían en manifestos articulados na función representativa da linguaxe, entrefebrada de lírica sentimental satírica e apelativa. Os movimentos de vangarda expresaron (pedíndolle as verbas a Frederic Jameson) a lóxica estética da revolución soviética e a reacción burguesa a ela que supuxo o feixismo. Isto é, todo o que se movía nas artes e nas letras: de Malevich a Marinetti, en furias contrapostas.

Galicia entrou nesta remexida ao tempo de lle fornecer soldados ao exército español na guerra do Rif. Todas as vangardas lanzaron o seu manifesto ao mundo, e Europa encheuse de ladaíñas que foron consideradas iconoclastas polos chamados “vellos” que se perpetuaban nos anos vinte do século pasado nas diversas tendencias do Idealismo obsolescente.

"Velaquí, pois, o documento fundamental da vangarda galega"

En Galicia, daquela, e no seo das Irmandades da Fala, pediron a palabra Os Novos e fixéronse notar a través do manifesto Máis alá! que saíu á luz con estronicio na Coruña, xuño de 1922. Estaba asinado por un artista plástico, Álvaro Cebreiro e mais polo poeta Manoel Antonio, que é considerado responsábel principal da literaridade do texto. Velaquí, pois, o documento fundamental da vangarda galega.

X. L. Axeitos fai ben en poñelo á altura dos grandes textos rupturistas daquela Europa na que triunfaba a revolución bolchevique no Leste e na que se agudizaron as contradicións sociais no Mundo. De maneira que estes anos pasados (puntualiza Axeitos), Roma, Lisboa, Zurich, París, celebraron os centenarios dos seus movimentos e manifestos de vangarda, e ao coro non faltou Sevilla para aportar a memoria do Ultraísmo español. Así e todo, Galicia deixou pasar o ano do centenario do Máis alá! sen que a oficialidade autonómica nin as institucións académicas movesen unha palla para solemnizar o caso. Os mozos de Rompente en 1979 berraran así: “Fora as vosas suxas man de Manoel Antonio”, e os descendentes institucionais daqueles “vellos” do tempo das Irmandades obedecéronlle, por prudencia, e calaron a boca. Esta columna quere unir á memoria de Manoel Antonio a doutro grande do seu tempo, Amado Carballo, que practicou a vangarda poética a ritmo de pandeirada astral, tal e como ten explicado Xosé Ramón Pena.

Suscríbete para seguir leyendo