Os Camiños da Vida

Máis alá!

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

En Matamá, Vigo, e noutros lugares de Galicia, celebrouse a festa de San Amaro (pronúnciese “Sanamaro”, de carreira). Por moito que a Igrexa Católica porfíe en chamarlle San Mauro, o nome indíxena resiste. Hai quen lle atribúe a este nome unha orixe fantasmal e céltica, relacionándoa co significado de “morte”. A lenda do noso San Amaro, escrita moi ben por Cabanillas, debe ser recordada cunha peza teatral de Varela Buxán sobre o mesmo asunto. Amaro era un rico que quixo coñecer o Alén. Nun navío prodixioso chegou á Illa dos Mortos. Atopou alí a Porta de Prata que custodiaba o Vello Vixilante. Este, por satisfacer a curiosidade de Amaro, deixou que o nauta espreitase polo buraco da chave. Da outra banda da porta só había unha cidade de mortos porque aquilo era O Paraíso. Amaro estivo ollando, apalambrado, durante trescentos anos que lle pareceron un instante. Ao seu regreso, Amaro pediu perdón polo atrevemento. Morreu e foi considerado santo.

O relato garda semellanzas coa Cántiga CIII de Afonso X o Sabio, coa mención da torre da Coruña que sae en Paulo Orosio, coa estoria de Ith tal como aparece no Leabhar Ghabhála e coa navegación medieval de Trezenzonio; e outras concomitancias atlánticas como poden ser as aventuras de Brandán das que tanto gozaron Cunqueiro e Lugrís. Os máis dos “Sanamaros” de Galicia son festexados o 15 de xaneiro. Anda por aí o dito de que este noso santo é “amigo da neve” e as nevaradas e galernas son incompatibeis co xogo ao ar libre dos rapaces. Polo que unha norma fixada pola sabedoría popular reza: “Por San Amaro, trompos ao faiado”.

"A lenda do noso San Amaro, escrita moi ben por Cabanillas, debe ser recordada cunha peza teatral de Varela Buxán sobre o mesmo asunto"

San Amaro estivo, e está fondamente entalado na imaxinación tradicional por moito que a súa figura careza de existencia histórica e non conste nos rexistros do Vaticano. Unha das máis bonitas coplas galegas que eu coñeza, di así: “Señor San Amaro de Oira, /feito de pau de amieiro, / irmao das miñas chanquiñas, / criado no meu lameiro”. O léxico (“chanquiñas” por zoquiños e “lameiro” por prado) lévannos, nun voo de anduriñas líricas, ao galego falado en Oira, aos pes da cidade de Ourense. Os onomasticistas que consideran a orixe céltica e mortuoria de Amaro, seguramente teñan reparado en que dous cemiterios municipais de Galicia, o da Coruña e o de Pontevedra, levan o nome daquel San Amaro que foi capaz de guichar un átimo de Eternidade polo buraco da Porta de Prata. A curiosa coincidencia vese entoldada polo feito de que o cemiterio de Pontevedra vai perdendo o nome orixinario e xa case só é coñecido co de San Mauro. Os barcos de pesca galegos, cando fan a rota do Gran Sol, sucan o mar por onde soían ir Ith, Trezenzonio ou San Amaro en días de mito e fábula que non se dan disipado. En todo caso, a consigna definitiva de Manuel Antonio, Máis alá!, segue chegando ás xeracións que se suceden.

Suscríbete para seguir leyendo