Opinión
Fondeando aquí
O tempo fai a substancia, diría Borges. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que agora celebra os seus 25 anos de existencia instituído como axencia local para a cooperación internacional, é un exemplo dese estreito vínculo entre o paso do tempo e a adquisición de certa substancia. Probablemente, o segredo da súa perennidade, e por tanto tamén do seu éxito, radique na confianza en alentar algo xenuíno e propio.
En efecto, na orixe deste Fondo Galego hai algunhas insistencias recoñecibles. Primeiro, de configuración, baseada non só na idea dun instrumento transpartidario senón en que esa identidade democrática e plural deba asegurar impedimentos para evitar unha apropiación por parte de calquera partido ou think tank (incluído o propio IGADI que o concibiu) ou do mesmo persoal que nel poida prestar servizos. Segundo, a mobilización da conciencia social e das institucións para xerar un estado de ánimo comprometido coa busca de solucións para o drama do subdesenvolvemento, sabendo das virtudes pero tamén dos límites destas políticas, incapaces por si soas de fender as consecuencias dun sistema económico inxusto. Terceiro, a definición dun perfil propio á hora de cooperar, o que redundará nun enriquecemento das políticas públicas neste eido dende Galicia evitando reiteracións e significando o valor cualitativo da nosa achega.
Este Fondo Galego, instituído dobremente como un axente para operar dende aquí procesos de transformación nos países do Sur en beneficio das persoas e tamén como un aspecto substancial do que debera ser a nosa política exterior, ten demostrado que a cooperación descentralizada representa un valor específico e complementario doutras cooperacións. Para encarar os grandes problemas, e o desenvolvemento é un deles, tanto se precisan marcos mundiais como locais que non se negan senón que se reforzan uns aos outros se somos quen de arbitrar sinerxías.
Coa creación do Fondo Galego en 1997 non só se quebrou esa anomalía que representaba a ausencia da nosa comunidade entre os actores presentes na cooperación descentralizada senón que logramos sumarnos a ela deseñando un instrumento orixinal en moitos aspectos e cun enfoque que quería partir de nós e das nosas singularidades para acertar na estratexia. É por iso que se fincou a atención na lusofonía como especialización estratéxica e, nese contexto, procurando a triangulación con Portugal.
O modelo simpatiza con esa maneira de cooperar que dá protagonismo á sociedade civil, tanto do Sur como do Norte, emprazándoa en todo momento a participar na toma de decisións, evitando paternalismos por bo intencionados que sexan, e tamén asistencialismos, e asegurando unha acción conxunta a través de proxectos que respondan ás demandas e urxencias dos seus destinatarios.
Salvar as severas crises recentes (dende a financeira á pandemia e agora a unha nova guerra en Europa) e subsistir pese a todo indica que malia os avatares, calou –ou fondeou- entre nós a idea de que unha política pública de cooperación non debera admitir espazos institucionais de exclusión. E os poderes locais, os mais próximos aos cidadáns, teñen un especial papel na dinamización da solidariedade comprometendo recursos propios e tamén alentando un cambio na conciencia cívica.
É por tanto que o sistema galego de cooperación non se comprende hoxe sen o Fondo Galego. E ese é un motivo de satisfacción para o conxunto da nosa sociedade que debera aprecialo máis.
Na axenda política galega, a cooperación internacional, como a acción exterior no seu conxunto, é considerada un asunto menor. Paradoxalmente, isto acontece en tempos en que podemos constatar como a diario nos afectan no noso vivir multitude de asuntos globais que impactan severamente na nosa vida. Urxe tamén nese aspecto un cambio de mentalidade que nos obrigue a pensar aquí cun enfoque que nos obrigue a mirar máis aló do noso quinteiro. De así facelo, en pouco tempo tamén poderemos ganar substancia.
*Presidente de honra do IGADI e promotor do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
- Máxima alerta de la Policía Nacional por el mensaje que está llegando a los móviles de miles de personas
- Una belleza de armas tomar
- Un nutricionista desvela qué es lo primero que le quita a los pacientes que quieren adelgazar
- Uno de los dos tripulantes gallegos desaparecidos sobrevivió al secuestro del atunero Alakrana del 2009
- El abandono no entiende de razas ni de dinero: mascotas que valen miles de euros llegan a A Madroa
- Condenan a dos años y medio de prisión al maquinista del Alvia y al exdirector de Seguridad de ADIF por el accidente de Angrois
- La familia del vigués que murió tras el concierto de Karol G anuncia denuncia: 'No hubo forcejeo ni pelea
- Mujer de más de 45 y sola busca ayuda