Opinión
Gorbachov
É común poñer en contraste o fracaso da perestroika e o éxito da reforma e apertura, a gaige-kaifang, chinesa. Pero puido ser Mijail Gorbachov o Deng Xiaoping soviético? Certo que tiñan en común o propósito reformista pero, de entrada, Gorbachov ía máis aló que o líder chinés.
Con seguridade, poderían coincidir nas reformas económicas. O modelo de un e de outro, con apertura ao mercado e á economía privada sen por iso desmantelar a planificación nin a propiedade pública podería representar un escenario compartido. Con diferentes niveis de desenvolvemento, na altura semella existir mais sensibilidade discursiva no ambiental e tecnolóxico no soviético. Non obstante, a principal diferenza é que se a China de Deng atopou a complicidade reformista efectiva dos EUA e das potencias occidentais, no caso soviético, por mais que se insistira tamén nesa idea, o certo é que o mundo occidental estaba interesado de inicio no fracaso da perestroika entendida como revitalización do socialismo, que era o enfoque de Gorbachov, non o seu desmantelamento. E pese ás promesas de cooperación e auxilio, estas nunca se efectivizaron na dimensión prometida, da que quedaron ben lonxe e ben adrede. Nin por suposto, sequera lle puxeron doada a súa incorporación ao comercio mundial.
Pero o que define a reforma gorbachoviana é, por riba de todo, o compromiso e defensa da pluralidade, a busca dunha nova síntese entre xustiza e liberdade, a definición dun socialismo plural, a idea de que se o capitalismo podía permitirse esa pluralidade por que non había facelo o socialismo se o seu ideario era unha aspiración social maioritaria.
A perestroika, por tanto, nunca foi ideada como unha nova NEP nin tampouco unha liberalización do estilo de Nikita Juschev. Consciente de que o modelo soviético achegábase ao colapso, a diferenza dos chineses, explorou a reforma política, ambicionando transmutar aquela ditadura do proletariado en democracia do proletariado, incrementando as liberdades públicas e os dereitos cívicos e ampliando a oferta política. A glasnost foi o apelido da perestroika. A busca da superación do estancamento brezhneviano reivindicaba unha nova lexitimación que transcendera a revolución bolxevique sen por iso abdicar do proxecto socialista e do que debe definilo, o factor humano como epicentro da ideoloxía e da súa praxe.
"Gorbachov, aínda que consciente das carencias do modelo nacional, non pretendía a disolución da Unión Soviética, senón a súa transformación nunha Unión de Estados Soberanos, referendada pola poboación"
Aquel socialismo democrático gorbachoviano incorporaba un novo pensamento en política exterior que poñía o acento na paz e no desarme, na fin da guerra fría, na definición de novos modelos de cooperación, no dereito de cada país a elixir o seu destino (sen soberanía limitada), abrindo un novo tempo en Europa –a casa común– e no mundo. Ese era un contexto imprescindible para que a reforma trunfara internamente e ese rumbo foi aproveitado como unha vía de auga polo seu principal rival estratéxico para levar a superpotencia contra as cordas.
Tampouco Gorbachov, aínda que consciente das carencias do modelo nacional, pretendía a disolución da Unión Soviética, senón a súa transformación nunha Unión de Estados Soberanos, referendada pola poboación, como así foi no plebiscito do 17 de marzo de 1991. Por evidentes razóns estratéxicas, outro empeño deliberadamente dinamitado por Occidente co concurso suicida de líderes como Boris Ieltsin.
Dise agora que o erro foi querer facelo todo á vez, que primeiro deberan ir as reformas económicas e despois o resto, e sen a presa que sempre lle urxían, interesadamente, dende fóra. A dificultade para iso estribaba na gangrena que chegara a propagarse no propio tecido burocrático. Os chineses, cun proxecto histórico e nacional entre mans, semellan crer aínda no seu; entre os soviéticos, semellaba primar, ante todo, a frustración e o escepticismo que Gorbachov, co seu proxecto fondamente humanista, non foi quen de reverter. E quizais ese foi o seu principal fracaso.
Suscríbete para seguir leyendo
- Máxima alerta de la Policía Nacional por el mensaje que está llegando a los móviles de miles de personas
- Una belleza de armas tomar
- Un nutricionista desvela qué es lo primero que le quita a los pacientes que quieren adelgazar
- Uno de los dos tripulantes gallegos desaparecidos sobrevivió al secuestro del atunero Alakrana del 2009
- El abandono no entiende de razas ni de dinero: mascotas que valen miles de euros llegan a A Madroa
- Condenan a dos años y medio de prisión al maquinista del Alvia y al exdirector de Seguridad de ADIF por el accidente de Angrois
- La familia del vigués que murió tras el concierto de Karol G anuncia denuncia: 'No hubo forcejeo ni pelea
- Mujer de más de 45 y sola busca ayuda